RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Irene Ferreras: "Estamos nunha situación agora privilexiada que temos que gozar, pero con tranquilidade"

Irene Ferreras admitiu esta mañá en rolda de prensa que, tralo triunfo onte ante o Athletic Club, estamos "contentos e gozando dos 3 puntos porque no fútbol pásanse moitos momentos complicados e hai que saber gozar tamén dos momentos bos, de cando pasan cousas boas".

Co equipo líder da categoría, "estamos nunha situación agora privilexiada que temos que gozar, pero con tranquilidade. Tampouco nos imos a extremos. Sabemos que agora temos un partido moi difícil por diante e queremos darlle continuidade a isto".

Prefire ser cauta coa clasificación: "Van ser momentos puntuais. Fai nada estabamos todos aí pegados, agora parece que temos a posibilidade de dar ese pequeno saltiño. Pero isto vai ir modificándose cada xornada, como sempre vos digo, estabilidade e mirar ao noso. É certo que ver os resultados de onte alégranos porque son xente que está aí pegada connosco e todo o que sexa gañar algún punto de vantaxe, benvido sexa. Pero non nos vale de nada se non nos centramos no noso traballo, se non facemos o noso. Se nós non conseguimos sacar os 3 puntos, todos eses resultados non os ves da mesma maneira. Entón aínda queda moito, imos á xornada 19, poden pasar moitas cousas. Imos afrontar este momento como unha oportunidade de dar ese golpe na mesa se podemos, pero sabendo que logo, tanto salga ben como salga mal, imos ter que seguir traballando moitísimo porque hai igualdade máxima e en dúas xornadas cambia a película moitísimo".

Opina que o partido deste domingo 5 de febreiro ás 12:00 ante o SD Eibar chega "nun bo momento para nós porque vimos tendo bos resultados. O cadro está moi enchufado. É unha semana importante para o groso total do cadro porque xogamos cada 3 días e agora haberá que facer algún movemento para regular cargas. Necesitamos á xente coas pernas frescas".

Advirte que nas instalacións eibarresas de Unbe, "imos tentar facer un partido serio. Imos tentar evidentemente ir a polos 3 puntos, pero facendo un partido un pouquiño mellor do que o fixemos aquí e tentando ter garantías de poder competir ben".

Após caer co SD Eibar nun amigable no verán e en Abegondo na primeira volta, a adestradora deportivista subliña que "é un equipo que nos custa moito polas súas características. É un equipo moi forte, moi de duelos, asume poucos riscos, xoga directo, ten xogadoras arriba con moita mordente e cando non consegues ter o control do partido séntesche moi ameazado porque é un equipo vertical que che chega con facilidade. O equipo está a crecer e sabendo que nós nese tipo de partidos até o momento non nos sentimos tan cómodas. Pouquiño a pouco ímonos achegando. Temos que mirarnos a nós, tentar sacar a relucir as nosas virtudes e modificar algunha cousa das que fixemos aquí en casa para tentar non caer nos mesmos erros".

Logrados dous triunfos consecutivos (ante CDF Osasuna e Athletic Club B) despois da derrota en Abegondo ante o CP Cacereño, Irene Ferreras cre que "foi froito de que fomos conscientes de que fixemos moitas cousas ben (ante as estremeñas) e que as cousas que fixemos mal foron determinantes e que son cousas que debemos coidar e corrixir, pero non afundirnos porque fose un desastre ou porque non tivésemos nada bo ao que agarrarnos. Ás veces é o resultado o que che empuxa un pouquiño e outras veces hai que mirar máis aló. Antes do partido de Osasuna, que era unha saída moi difícil, pedíuselle ao equipo que 'se queremos tentar estar arriba e se queremos facer grandes cousas temos que reaccionar como un equipo grande, que é cunha vitoria nun campo moi difícil contra un rival moi difícil'. Deunos moita moral, sufrimos un partido moi competido e sacámolo adiante. Dándolle logo continuidade co de onte permítenos estar nun momento no que pensamos e temos en mente o ir tentar gañar 3 puntos en Eibar, que para nós sería un sopro de aire, porque si que é un rival directo".

Finalmente, cualifica de "boa noticia" a renovación de Lucía polo Deportivo ABANCA até xuño de 2024: "Demostrou o seu bo rendemento e sobre todo vémoslle futuro. É unha porteira que lle vemos moito futuro. Eu tiña total confianza cando a asinamos. Non me está sorprendendo nada o que estou a ver porque levo moitos anos véndoa noutros equipos e noutras categorías se cadra con menos visibilidade onde vén facendo moi boas actuacións. Está a traballarse moito con ela. O noso querido adestrador de porteiros Juan Carlos está a facer un traballo impecable coas dúas, con Lucía e con Yohana. Vemos en Lucía unha xogadora de futuro que aínda ten que crecer en moitas cousas, está a darnos puntos e no fútbol isto é o que se valora", conclúe.