RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Irene Ferreras: "Levamos moito tempo sen competir e o equipo necesita volver conectarse coa competición"

Irene Ferreras extraeu "moi boas conclusións" do parón ligueiro porque "dúas semanas sen competir para calquera equipo son pesadas e demasiado longas, pero démoslle un bo enfoque. As rapazas adestraron moi ben, aproveitamos para traballar cousas que se cadra en semanas de competición tes máis urxencia e non podes traballar, recuperar xente... Temos a todas as xogadoras dispoñibles e é un motivo de alegría. Estou moi contenta con este período. Ademais tamén (as futbolistas) puideron ter dúas fins de semana para a súa vida persoal que lles dá enerxía para o que nos vén agora".

Non cre que o partido de mañá sábado en Abegondo ante o RCD Espanyol (12:00 horas, Youtube RC Deportivo) "sexa aínda unha final. Apetécenos xogar moito. Levamos moito tempo sen competir e o equipo necesita ese partido, necesita volver conectarse coa competición. Vimos con moitísima ilusión, preparamos moi ben o partido. Estamos con ganas de volver sumar máis 3 porque é o que necesitamos agora".

A adestradora deportivista confesa estar con "ganas de ver ao equipo render, facer o que sabe facer e volver reencontrarnos coa vitoria que é o que necesitamos".

A pesar das dúas derrotas coas que chega o Dépor ABANCA, "estamos nos puntos que queriamos ou estimabamos e iso permítenos volver afrontar un bloque novo co obxectivo de facer o número de puntos que queremos para manternos aí e que ao final teñamos opcións".

Recalca que "os resultados dos últimos dous partidos non eran os que queriamos, pero as sensacións que eu tiven respecto ao último partido contra o AEM foron moi boas. Creo que é a miña responsabilidade agora manter un pouco ese equilibrio, non volvernos tolas, seguir poñendo o foco no proceso que estamos a levar a cabo, no que estamos a facer, seguir consolidando iso. Os resultados non se corresponden sempre cento por cento co que se ve no campo e temos que ter a naturalidade de afrontar iso. Estas dúas semanas para calquera persoa serían moi longas, pero é que teño a sorte de adestrar un equipo con moita ambición, con moita ilusión de facer as cousas, sobre todo de crecer e de mellorar. Entón utilizámolo para seguir apontoando cousas, para definir máis se cabe o que queremos ser como equipo".

En canto ao RCD Espanyol, indica que "por clasificación é un equipo que non temos tanto en conta, pero é un equipo que estaba chamado ao ascenso. É un histórico do fútbol feminino, aínda con xogadoras con experiencias moi importantes na súa carreira e con individualidades que poden marcar a diferenza. Co cambio de adestradora conseguiron ser un pouquiño máis sólidas defensivamente. Ademais, coa incorporación de María Pi en portería, dálles máis saída de balón, moito máis limpa polo seu dominio co pé e está a facer moi boas actuacións que lles está permitindo deixar a portería a cero en moitos dos últimos partidos".

Subliña que "nós tentaremos crear, xerar ocasións, comprometelas aí, interpretar ben onde están os espazos. Non sabemos se será un equipo que veña a apertarnos moi alto ou se será un pouquiño máis conservador, pero o importante é que nós interpretamos ben que tipo de partido hai que xogar".

Fíxase do cadro barcelonés en que ten "un bo trato de balón, pero sobre todo tamén ten perigo en transición e en moitas situacións de tiro exterior porque ten xogadoras con moito talento, con boa pegada e que consegue facer goles moitas veces de situacións pouco claras. Entón son moitos detalles e moitas cuestións as que temos que coidar. O equipo está concentrado para iso. Traballámolo, falámolo e vímolo; e creo que imos facer un bo partido. A tónica de adestramentos está a ser moi boa".

Finalmente, afirma que a súa relación coa xa ex adestradora Cris Oreiro "non foi boa. O clima laboral non era bo tampouco. Tomouse unha decisión que ás veces non é popular, pero que é necesaria porque teño que mirar polo bo rendemento de todos nós. O club apoioume. É unha decisión que nace de min".

Irene Ferreras deséxalle "toda a sorte do mundo, porque tamén teño unha mensaxe de gratitude cara a todo o traballo que fixo durante todo este tempo que en parte tamén nos levou onde estamos".

Explica que coa saída de Cris Oreiro "no staff fixemos algunha variación en canto a roles. A estrutura mantense de maneira similar. O que estaba a exercer de analista, que é César Conde, asumiu algunha responsabilidade máis como asistente técnico e entre todos imos suplir todas as funcións que Cris facía. Por tanto non imos incorporar a ninguén. Entendemos que é un momento, co que queda, que incorporemos unha persoa nova ata que nos fagamos todos se cadra é é máis prexudicial que beneficioso. Vai quedar un pouco así. Levamos xa funcionando así varias semanas e estamos contentos. Temos bo ambiente e creo que estamos a traballar ben".

Máis aló deste tema, insiste en que "o grupo está ben, está a adestrar con moita enerxía, están todas moi unidas e son unhas profesionais como un templo. O que buscan é gañar partidos, buscar o seu obxectivo como colectivo, que é tentar ese ascenso que todos queremos".