RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Manuel Pablo vaticina mañá un partido "máis disputado e se cadra máis pechado que contra os rivais anteriores"

A pouco máis de 24 horas para a eliminatoria da UEFA Youth League ante o FC Dynamo Kyiv en ABANCA-RIAZOR, Manuel Pablo, técnico do Xuvenil A, manifestou en rolda de prensa que ve aos seus futbolistas "tranquilos, concienciados de que nos imos a enfrontar a un gran rival, pero sabendo que temos as nosas posibilidades".

Admite que os nervios nos seus xogadores polo ambiente de gala que se vivirá en ABANCA-RIAZOR mañá mércores ás 19:00 horas (#Vamos por Movistar+) "pódense ter pero máis que quítanos, dános. Non lles podo dicir nada, senón que oxalá sigan igual e que eses nervios nos sirvan para iso, para saír como saímos nos outros partidos, para asimilalo igual e oxalá nos faga ir cunha marcha máis".

Subliña que "tentamos unha idea de ser protagonistas, de presionar arriba e aproveitar a calidade que temos dentro do cadro amplo que temos. Despois os xogadores no terreo de xogo tamén teñen as súas calidades e toman as decisións. Non só é o traballo noso, tamén de Óscar Gilsanz do ano pasado, dos xogadores que xa coñeciamos aquí, tentando conxuntalos o mellor posible e darlles as dúas ou tres directrices para tentar sacar partido ao que queremos".

Do conxunto ucraíno apunta que "o analizamos xa catro ou cinco partidos. É verdade que nos últimos parece que veñen aínda da súa pretemporada. Pero nos partidos da Champions vímolos e vemos un rival moi sólido, moi forte fisicamente, que xoga ben. É capaz de asociarse pero tamén teñen xogadores arriba rápidos, habilidosos, ou sexa un rival que me parece moi bo e vainos a esixir ao máximo".

O adestrador branquiazul opina que as claves para superar a eliminatoria é "tentar facer o mellor de nós. Temos xogadores de calidade, podémoslles facer dano na última liña, pero é verdade que é un equipo que aí están os seus números: só tres goles en contra, moitos a favor. Domina moitos aspectos do xogo, pero tamén temos as nosas posibilidades coa nosa calidade para poder facerlle dano por fóra e por dentro. Si que vai ser un partido máis disputado e se cadra máis pechado que contra os rivais anteriores".

Sen haber liga esta pasada fin de semana tanto para o Xuvenil A como para o Fabril por casos COVID do rival, Manuel Pablo prefería xogar porque "a fin de semana anterior tampouco xogamos porque non había competición. Levamos dúas ou tres semanas parados e si prefería xogar. Tamén hai xogadores que están a empezar a subir o seu nivel porque viñan moitos de lesións, de casos COVID. A miña intención era xogar pero ao final non se puido e estamos ben igualmente. Eles tamén están agora nunha fase onde están case en pretemporada, iniciando a segunda parte da temporada. Aí vaise a ver que nivel físico temos os dous".

Nesta liña insiste o técnico deportivista que o FC Dynamo "é un equipo moi forte por dentro, mesmo ten xogadores moi físicos, moi grandes, moi fortes e se cadra non están nesa plenitude para exercer todo o seu poder. Non sei en que estado estarán, verémolo durante o partido, pero penso que non creo que estean ao máximo nivel".