RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor ABANCA arranca mañá sábado o ano 2022 no campo doutro dos aspirantes, o RCD Espanyol

O Deportivo ABANCA arranca o ano 2022 no campo dun dos aspirantes ao ascenso coa visita ao RCD Espanyol mañá sábado 8 de xaneiro ás 12:00 na Ciudad Deportiva Dani Jarque (Sant Adrià de Besòs), correspondente á 13ª xornada no grupo norte de Reto Iberdrola. O encontro poderase seguir a través das diferentes canles oficiais de Espanyol Media.

O equipo catalán, do mesmo xeito que o Dépor ABANCA recentemente descendido de Primeira División, marcha na cuarta posición con 25 puntos, á espreita do grupo de cabeza.

No seu campo, o RCD Espanyol derrotou ao CD Pradejón (1-0), Atlético de Madrid B (3-1), CD Parquesol (2-0) e FC Barcelona B (1-0); e caeu fronte ao DUX Logroño (0-1) e FC Levante Las Planas (2-4), dous dos equipos, ademais do Deportivo ABANCA, que marchan por riba.

Pola súa banda, as pupilas de Miguel Llorente chegan ao choque coas ausencias obrigadas de Cris, Alba Merino e Carlota Sánchez; e coas canteirás Aroa Guerra e Tati na convocatoria.

As deportivistas veñen de dar un golpe de autoridade á liga ao derrotar con toda xustiza en Abegondo ao FC Levante Las Planas (3-0) no último partido do ano 2021, xa a mediados de decembro.

A pesar de que transcorreu case un mes desde ese último choque, Miguel Llorente, en rolda de prensa, subliñou que "non vou dicir que me dese medo tantos días, porque fomos ou somos conscientes e pensamos ben os días que iamos dar de vacacións. Elas son de fóra e eu creo que tamén é interesante que se poidan xuntar coas súas familias e estar cos seus amigos e amigas. Pero este equipo dá gusto. Non hai un día que adestren mal, non hai un día que baixen o nivel ou o listón de adestramento, non hai unha xogadora que adestre ao 50%. Mentres sigamos funcionando así non hai nada que dicir, non hai ningún pero”.

O Deportivo ABANCA desprázase esta mesma tarde a Barcelona, despois de completar un último adestramento en Abegondo, con esta folla de ruta:

Venres 7 de xaneiro
14:00: Comida en Cervecería Barral en Crendes (Abegondo)
18:55: Saída do voo de Santiago con destino ao Aeroporto de Barcelona
20:35: Chegada aproximada a Barcelona e traslado ao hotel Exe Barberá Parc en Barberà del Vallès (Barcelona)

Sábado 8 de xaneiro
12:00: RCD Espanyol - Deportivo ABANCA, na Ciudad Deportiva Dani Jarque (Sant Adrià de Besòs)
20:10: Saída do voo do Aeroporto da Barcelona con destino ao Aeroporto da Coruña
21:55: Chegada aproximada ao Aeroporto da Coruña

O cadro branquiazul adestrarase de novo en Abegondo o domingo 9 de xaneiro ás 11:30 horas.