RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor ABANCA, hoxe con descanso, preparará con catro adestramentos a súa visita ao Zaragoza CFF

O Deportivo ABANCA goza hoxe luns de xornada de descanso antes de comezar mañá martes 25 de xaneiro a preparar a seguinte cita ligueira, a visita ao Zaragoza CFF prevista para o domingo 30 de xaneiro ás 12:00 no Estadio Enrique Porta, de Villanueva de Gállego. O encontro corresponde á 16ª xornada no grupo norte de Reto Iberdrola e será televisado por TVG-2.

As branquiazuis, co empate do FC Levante Las Planas ante o DUX Logroño, recuperan o liderado: 37 puntos suma o Deportivo ABANCA por 34 as catalás, iso si cun partido menos xogado.

O pasado sábado, concluído o choque en Abegondo ante o CD Parquesol, Miguel Llorente, técnico deportivista, presume nesta primeira volta de ser "un equipo recoñecible. Somos o máis recoñecible do que hai en Reto. Para min é moi importante porque quere dicir que sabemos o que facemos. Se miramos a clasificación estamos a facelo máis ou menos ben, ademais dos goles encaixados e os goles marcados".

Valora o adestrador branquiazul esta primeira parte da competición de forma "moi positiva. Estamos aí, cun vestiario absolutamente san, hai moi bo ambiente, adestran sempre ben, o staff que teño é inmellorable, coa xente do Club inmellorable. Esta primeira volta lembrareina durante moito tempo porque é das mellores que tiven como adestrador".

De cara ao choque ante as zaragozanas, o corpo técnico dirixido por Miguel Llorente e Ana González disporá de catro sesións de adestramento na Cidade Deportiva, ás que hai que engadir un adestramento de activación o sábado pola tarde xa en Zaragoza.

A planificación semanal, sempre susceptible de sufrir variación por razóns técnicas, é a seguinte:

Martes 25 de xaneiro
17:00 h.

Mércores 26 de xaneiro
11:30 h.

Xoves 27 de xaneiro
11:30 h.

Venres 28 de xaneiro
11:30 h.

Sábado 29 de xaneiro
19:00 (hora aproximada): Sesión de activación en Zaragoza

Domingo 30 de xaneiro
12:00: Zaragoza CFF - Deportivo ABANCA, no Estadio Enrique Porta, de Villanueva de Gállego (Zaragoza)