RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor ABANCA recupera a Letti Sevilla para visitar a un Barça B repleto de campioas mundiais sub-20 e europeas sub-19

Despois do parón da pasada fin de semana, o Dépor ABANCA regresa á liga mañá sábado 19 de novembro ás 16:00 na Ciutat Esportiva Joan Gamper (campo 7) ante o FC Barcelona B, en partido correspondente á 9ª xornada en Primera Federación FutFem.

As branquiazuis chegan ao choque con 17 puntos na 2ª posición da táboa, só superadas polo SD Eibar, líder con 20 puntos.

Fai quince días, as pupilas de Irene Ferreras sumaron con xustiza os 3 puntos en Abegondo ante o SE AEM (1-0) grazas a un gol de Sara Navarro no último minuto de tempo engadido.

Por primeira vez na temporada, Irene Ferreras ten á súa disposición a todo o cadro, incluída Letti Sevilla: "Dígoo cun sorriso na cara que a temos disposta e preparada para entrar nunha convocatoria. É unha xogadora que nos vai a dar moito non só a nivel de campo senón tamén a nivel de vestiario. A pesar da súa mocidade, ten unha madurez e unha experiencia que para este proxecto é moi importante e ademais permítenos non ir tan limitadas no mediocampo que estabamos a ter con Paula Gutiérrez e con Henar. Está a facer un traballo impecable pero as temporadas son longas e imos necesitar de todas".

Queda na Coruña Carlota Sánchez, que "está a adestrar connosco pero igual fáltalle algo de ritmo competitivo pero teño a todo o cadro dispoñible, e contenta por iso", apuntou a este respecto a adestradora branquiazul.

Pola súa banda, o FC Barcelona B, que durante boa parte deste tramo inicial de liga relacionouse cos de arriba, perdeu algo de fol e é agora 6º con 14 puntos.

O filial azulgrana caeu na última xornada (2-0) ante o SD Eibar. No entanto, nas súas filas figuran 9 futbolistas que se acaban de proclamar recentemente campioas do mundo sub-20 e medalla de ouro no europeo sub-19: Meritxel Font, Esther Laborde, Ari Mingueza, Julia Bartel, Ornella Vignola, Salma Paralluelo, Martina Fernández, Alba Caño e Ona Barabad.

No seu feudo e no que vai de liga, as catalás gañaron ao CD Alba Fundación Femenino (4-1) e Athletic Club B (3-0); e igualaron co DUX Logroño (2-2) e o CP Cacereño Femenino (1-1).

No equipo branquiazul houbo ademais boas noticias fóra do verde nestes días de parón. Na pasada I Gala de Premios AFE que tivo lugar no Casino de Madrid, Ainhoa Marín foi recoñecida como a mellor xogadora de Reto Iberdrola 2021-2022. A atacante deportivista recibiu o seu galardón de mans do ex xogador branquiazul e actual directivo de AFE Dani Giménez.

O Dépor ABANCA realizou esta mesma tarde o último adestramento previo en Abegondo antes de emprender viaxe, con esta folla de ruta:

Venres 18 de novembro
22:00: Saída do voo do Aeroporto da Coruña con destino ao Aeroporto de Barcelona Josep Tarradellas - El Prat
23:35: Chegada aproximada a Barcelona e aloxamento no Hotel EXE Parc en Cerdanyola do Vallès

Sábado 19 de novembro
16:00: FC Barcelona B - Deportivo ABANCA, na Ciutat Esportiva Joan Gamper (campo 7)
21:20: Saída do voo do Aeroporto de Barcelona Josep Tarradellas - El Prat con destino Santiago
23:05: Chegada aproximada a Galicia

Tralo choque, As Nosas adestraranse de novo o domingo 20 ás 11:00 en Abegondo, nunha sesión que será de recuperación para as titulares en Barcelona.