RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor ABANCA viaxa a Oviedo a pola primeira das dúas vitorias que precisa

O Dépor ABANCA visita mañá domingo ás 11:30 ao Real Oviedo nas instalacións deportivas Hortensio Fernández Extravís (HFE) 'Tensi' da capital asturiana, en partido da 29ª xornada do grupo norte de Reto Iberdrola televisado a través da canle de YouTube de Área 21 TV.

O empate en ABANCA-RIAZOR ante o DUX Logroño (0-0) do pasado sábado deixou ao equipo branquiazul sétimo na clasificación con 47 puntos, a 2 puntos do SE AEM, quinto e último equipo en evitar agora mesmo o playout.

Miguel Llorente en rolda de prensa mostrouse convencido de que con dous triunfos (mañá en Oviedo e na Coruña ante o Atlético de Madrid B na última xornada) o equipo sairá desas posicións de perigo.

O técnico branquiazul lembrou ademais que o partido da primeira volta en Abegondo entre ambos os equipos, resolto con vitoria deportivista (2-0), foi das mellores actuacións do Deportivo ABANCA esta temporada.

Alba Merino, lesionada este mércores nos isquiotibiais da súa perna esquerda, e María Ruiz, sancionada por acumulación de amoestacións, son as únicas baixas; mentres que Aroa Guerra será a representante de #ANOSACANTEIRA na citación de 18 futbolistas, nunha semana na que outra canteirá, Eva Dios, recibiu a convocatoria da selección española sub-20 para uns adestramentos deste luns 23 ao mércores 25 en Los Ángeles de San Rafael (Segovia).

A transcendencia do encontro de mañá en Oviedo fixo que os técnicos coidasen especialmente o estado mental e anímico das súas xogadoras. Así o pasado xoves, en lugar do céspede de Abegondo, as futbolistas branquiazuis realizaron un xogo de Escape Room, por xentileza da empresa The Rombo Code, situada no polígono coruñés da Grela e especializada en eventos de empresa e celebracións particulares.

Esa xornada diferente concluíu cunha comida no Sanbrandan Lunch situado na tenda FNAC da praza de Lugo, idóneo para repoñer forzas coa ampla variedade de bebidas e comidas saudables que dispoñen os establecementos Lunch da firma coruñesa.

Pola súa banda, o Real Oviedo, que esta semana incorporou a Marcos Suárez como novo Director Deportivo, chega ao choque após vencer (2-3) na súa visita ao CE Seagull, pechacancelas da categoría.

Esta temporada, no seu campo, o Real Oviedo gañou 9 partidos, empatou 2 e perdeu 3; cun balance de 21 goles a favor e tan só 10 en contra.

Dos equipos da zona alta só foi capaz de gañar en Oviedo o SE AEM (0-1). O RCD Espanyol empatou (1-1); e FC Barcelona B (2-1), CDF Osasuna Feminino (1-0), FC Levante Las Planas (4-1) e DUX Logroño (1-0) dobraron o xeonllo nas instalacións deportivas Tensi.

O Dépor ABANCA adestrouse esta mañá en Abegondo e viaxou en autocar pola tarde, con esta folla de ruta:

Sábado 21 de maio
16:00: Saída en autocar a Oviedo
19:00 (hora aproximada): Chegada ao Sercotel Ciudad de Oviedo

Domingo 22 de maio
11:30: Real Oviedo - Deportivo ABANCA, nas instalacións deportivas Hortensio Fernández Extravís (HFE) 'Tensi'
Ao concluír, regreso en autocar á Coruña con parada a comer en Cudillero