RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Natxo González traballa esta tarde aspectos defensivos e ensaia accións de estratexia

No adestramento desta tarde no campo 2 da Cidade Deportiva, Natxo González segue modelando o novo Deportivo.

O técnico deportivista, tal e como xa apuntou nas súas roldas de prensa, insiste cada vez con máis frecuencia en construír un bloque sólido nos seus adestramentos, con horas e horas de traballo. Así, un exercicio táctico con movementos defensivos foi a tarefa principal da sesión.

Finalizado este exercicio, o Dépor comezou o ensaio de accións a balón parado, concretamente hoxe en saques de esquina. De seguro no partido deste sábado 21 de xullo ante o Fabril en Abegondo (10:30 horas), primeiro da pretemporada, poderase ver algunha pincelada nestas xogadas de estratexia, que serán fundamentais nunha categoría, a Segunda División, tan igualada.

O adestramento arrancou cun quecemento, uns rondos e fútbol tenis.

Exercitáronse á marxe Rolan e Carlos López, ambos co readaptador Fran Molano; e Fede Cartabia e Francis, os dous cos fisioterapeutas do Club.

Mañá mércores haberá unha única sesión, ás 10:30 horas en Abegondo.

O Dépor acumula carga de traballo cun circuíto físico de forza

O cadro do Deportivo tivo esta mañá como exercicio principal un circuíto físico de forza nun dos campos de fútbol 7 da Cidade Deportiva, supervisado polos preparadores físicos Julio Hernando e José Ángel Franganillo.

A continuación, xa no campo 2, Natxo González dispuxo de 2 tarefas de fútbol: posesión; e conservación e presión após perda.

Con Diego Rolan e Carlos López ás ordes do readaptador Fran Molano, hoxe estivo co primeiro equipo o fabrilista Diego Caballo.

Quedaron no ximnasio Fede Cartabia e Francis, con algunha molestia nos seus isquiotibiais.

Pola tarde, os futbolistas volven ao céspede ás 18:30 horas.