RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor baixa a intensidade nunha mañá con rondos e finalizacións

Como é habitual dous días antes de cada partido, Óscar Cano rebaixou esta mañá na Cidade Deportiva a intensidade do adestramento.

O corpo técnico branquiazul, despois dun quecemento con xogos, dispuxo uns rondos e unha tarefa de finalizacións, un exercicio no que insiste unha e outra vez durante cada semana.

En rolda de prensa, Óscar Cano explicou que Raúl Carnero "pasou durante a pasada semana un proceso febril e cando isto ocorre todo o que ten que ver co sistema inmune vese alterado. E iso pode afectarlle muscularmente e a nivel articular. Tratamos que faga até onde podía facer pero xa está recuperado".

Ademais subliñou que Isi Gómez "viña dunha serie de lesións consecutivas e cando fai un esforzo superior a 60, 70 minutos tarda máis en recuperarse que o resto".

En ambos os casos, e salvo contratempo mañá, ambos os xogadores estarán na convocatoria.

Aproveitou ademais o adestrador branquiazul para destacar ante os medios de comunicación que "temos un equipo médico, un equipo de fisios que está á altura dos mellores do mundo. É incrible as horas que lle dedican, o afecto co que tratan ás persoas. Todo iso encabezado polo doutor Carlos Lariño e polo resto de profesionais. É marabilloso. Eu aquí teño a sensación de que alguén se vai a partir a tibia e vai xogar ao día seguinte. Xamais me pasou en ningún equipo que se acurten tanto os prazos. E iso ten que ver coa motivación e coas ganas de xogar que teñen os rapaces, pero sobre todo polos profesionais médicos dos que dispón o Club".

Mañá sábado, o Deportivo adiantará o horario do seu adestramento, que será ás 10:15 en Abegondo en lugar da as 10:30 como é habitual, co obxecto de, nada máis concluír, os convocados por Óscar Cano partir en autocar a Madrid para visitar este domingo 27 de novembro ás 17:00 horas (InSports.tv) ao CF Fuenlabrada, en partido correspondente á 13ª xornada en Primera Federación.