RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor céntrase no CD Tudelano e esquécese do playoff

O Deportivo sumou esta mañá unha nova sesión de traballo en Abegondo centrado única e exclusivamente no que resta de liga, empezando pola visita do CD Tudelano a ABANCA-RIAZOR prevista para o sábado 14 de maio ás 17:00 (TVG-2, Footters e Fuchs-Sports).

Aínda que faltan tres xornadas para o final e o equipo estea clasificado matematicamente para o playoff, tal e como asegurou Alberto Quiles hoxe mesmo ante os medios de comunicación, "aínda queda liga. Hai que asegurar a segunda praza e xa cando chegue a semana do playoff xa nos poñeremos o chip".

De feito o dianteiro branquiazul confesa que non se fixa no outro grupo porque "está tan igualado, hai tantos rivais e de momento temos que mirar o noso: asegurar a segunda praza e unha vez que estea asegurada, ir mirando o que nos pode tocar", insistiu publicamente o futbolista andaluz.

Nesta liña, apunta que se o equipo fose xa segundo matematicamente "te relaxas un pouco máis, pensas máis no playoff que nestes partidos. Pero ao non ter a praza asegurada vai facer que sigamos con eses sentidos postos nestes partidos que quedan e que cheguemos coas pilas a tope para o playoff". "Non digo que esteamos contentos de que aínda non estea asegurada pero pódenos vir un pouco ben que esteamos a nos xogar algo para chegar ao playoff coas pilas cargadas", sostén.

Así pois, Borja Jiménez, após un quecemento, dispuxo un exercicio de posición e, a continuación, os primeiros ensaios de cara ao choque ante o CD Tudelano en forma de partidos a tres cuartas partes do campo 2.

Víctor e Álvaro Rey, este pendente de avaliación médica do seu aductor lesionado onte, quedaron no ximnasio e cos fisioterapeutas; mentres que Noel, Trilli, Yeremay e Alberto foron a representación de #ANOSACANTEIRA.

Mañá xoves, o Dépor adestrarase de novo en Abegondo a partir das 10:30 horas.