RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor dá a cara no Metropolitano, onde decide un penalti máis que polémico (1-0)

O Deportivo caeu derrotado na súa primeira visita ao Estadio Wanda Metropolitano, novo feudo dun Atlético ante o que deu a talla desde o primeiro ao último minuto e que levou os tres puntos mercé a un discutido penalti nun forcexo entre Saúl Ñíguez e Pedro Mosquera.

O adestrador deportivista, Clarence Seedorf, realizou unicamente dous cambios con respecto ao once que presentou na pasada xornada ante a UD Las Palmas. Luisinho substituíu ao sancionado Fernando Navarro no lateral esquerdo, mentres que Pedro Mosquera reforzou o mediocampo en detrimento de un dianteiro, Florin Andone.

Un disparo lonxano de Koke foi o primeiro lanzamento a porta de todo o encontro, cando ía cumprirse o minuto 10. Até entón, dominio alterno, aínda que máis profundo dun Atlético de Madrid que lanzou varios córneres no tramo inicial.

No minuto 20, replicou o Deportivo. Un balón longo de Emre Çolak mal despexado cara atrás por Savić recolleuno Lucas Pérez, que gañou a carreira ao central balcánico e quixo definir por baixo no man a man ante Jan Oblak. O porteiro esloveno desbaratou a ocasión co pé dereito.

O Atlético probou de novo a Rubén con outro disparo lonxano de Gabi, que atallou o meta branquiazul con seguridade. Acto seguido, outro balón longo de Emre Çolak recolleuno Lucas, escorado cara ao extremo esquerdo. O disparo do '7', demasiado escorado, marchouse excesivamente cruzado.

O Dépor volveu responder rápido, nun centro desde a esquerda de Luisinho, após dobrar a Adrián. A cabezada de Lucas, moi potente, foi con todo directa ás mans de Oblak, ben colocado.

Con todo, o Atlético de Madrid atopouse cun favor arbitral para poñerse por diante no marcador. Un inexistente penalti após un agarrón mutuo entre Pedro Mosquera e Saúl nunha falta lateral á que o colchoneiro non chegaba aproveitouno Kevin Gameiro para anotar, no minuto 34, o 1-0.

O Dépor, a diferenza doutros partidos, non se descompuxo e seguiu incomodando ao Atlético, sobre todo ao contragolpe. No minuto 38, nun saque de esquina que nin cabeceou Sidnei nin despexou Oblak, o balón caeu a Pedro Mosquera, só no segundo pau. A cabezada do mediocentro deportivista, sen porteiro baixo paus, marchouse alto.

Pouco despois, Muntari rematou un novo córner, pero a súa cabezada marchouse moi por riba do traveseiro. Coa vitoria mínima do conxunto local chegouse ao descanso.

Cos mesmos protagonistas e unha frouxa cabezada de Saúl, arrancou a segunda metade do encontro.

Após un primeiro cuarto de hora sen achegamentos perigosos, Godín desbaratou unha cabezada de Borja Valle a centro de Adrián desde o extremo esquerdo. Corría o minuto 64 e ambos os adestradores acababan de realizar os seus dúas primeiras substitucións.

Unha delas, a branquivermella, estivo a piques de facer o 2-0. Diego Costa recolleu un rexeite ao bordo da área e buscou o poste máis afastado da portería de Rubén. O dereitazo do hispano-brasileiro saíu rozando a madeira.

E a deportivista, tivo a súa ocasión pouco despois, no minuto 68. Borja Valle quedou só con medio campo por diante pero deixouse gañar terreo por Lucas Hernández, que indo ao chan con todo arrebatoulle o esférico cando o branquiazul entraba na área.

Bakkali, cando acababa de suplir a Emre Çolak, tivo unha oportunidade para dar o empate ao conxunto coruñés, nun contrataque iniciado por Borja Valle e conducido pola esquerda por Lucas. O extremo belga quixo caracolear ante Thomas Partey, escolleu o seu perfil malo e o seu zurdazo estrelouse no lateral dereito da rede do portal branquivermello.

Nos minutos finais, o Atlético xogou co cronómetro para acabar mantendo a súa exigua vantaxe e quedar cos tres puntos en litixio.

Atlético de Madrid: Oblak, Carlos Isaac (Diego Costa, min. 64), Savić, Godín, Lucas Hernández, Saúl, Thomas (Toni Moya, min. 88), Gabi, Koke, Correa e Gameiro (Fernando Torres, min. 72).

RC Deportivo: Rubén, Juanfran, Albentosa, Sidnei, Luisinho, Guilherme, Muntari (Borja Valle, min. 63), Pedro Mosquera, Emre Çolak (Bakkali, min. 77), Lucas e Adrián (Andone, min. 82).

Gol: 1-0 Gameiro, de penalti (min. 34).

Árbitro: Trujillo Suárez (c. tinerfeño). Cartón amarelo a Luisinho (min. 13), Carlos Isaac (min. 28), Lucas (min. 33), Diego Costa (min. 69) e Pedro Mosquera (min. 90+2).

Incidencias: partido da 30ª xornada de LaLiga disputado no Estadio Wanda Metropolitano ante 49.351 espectadores.