RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor mellora pero non lle chega para gañar (0-0)

O Dépor afrontaba o partido ante o líder da categoría, Unionistas de Salamanca, en palabras durante a semana de Rubén da Barreira, como unha final. E coa intensidade propia dese tipo de partidos saíu ao campo un equipo no que as grandes novidades estaban no terzo de arriba, co regreso após lesión de Keko, a titularidade en punta de Miku e o debut do recentemente chegado Raí.

O primeiro cuarto de hora do partido foi un monólogo branquiazul co equipo charro metido en campo propio e o Dépor tentando materializar o absoluto dominio do balón. A primeira chegada foi a centro de Salva, pero anticipouse a zaga ao remate de Miku. Na xogada posterior, desde o outro custado o centro foi de Keko e o remate de Borges de cabeza acabou de novo en córner. Aínda non se completaron o cinco primeiros minutos de asedio branquiazul cando Lara disparou con intención, pero centrado, ás mans de Serna desde a frontal. Cunha xogada idéntica púxose final ao primeiro tempo. Foron as dúas chegadas máis claras do Deportivo no primeiro tramo do partido.

Entre unha e a outra, o propio Lara sufriu un empuxón que o árbitro non interpretou como penalti. Un cuarto de hora tardou Unionistas en pisar campo e área do Dépor. Fíxoo cun par de xogadas a balón parado, de saque de banda e de esquina despois, que fixeron que a bóla se pasease por zona de perigo, pero sen xeralo realmente.

No minuto 22 chegou un centro de Keko desde a dereita que Miku non puido rematar por un agarrón pola cintura que o árbitro tampouco observou. A máis clara dos salmantinos presentouse á media hora: De la Nava gañou liña de fondo e Diego Hernández obrigou a Carlos Abad a unha gran intervención para evitar o primeiro gol do partido.

O Dépor seguíao tentando, pero sen finalizar xogada. Un bo toque co peito de Raí para Miku, que chegaba de cara, enviouno o dianteiro venezolano moi desviado sobre a portería de Serna. Foi o prólogo á xogada de Lara que pechou a primeira parte na que dominou o Dépor, o Unionistas foise botando arriba co paso dos minutos e a mobilidade de Keko no bordo da área e os costados incomodou ao equipo visitante pero non conseguiu xerar ocasións claras.

Uche, aos dous minutos da continuación, probou tamén sorte de lonxe após recuperar un balón e o disparo foise alto por escasos centímetros sobre a portería de Marathón. Tras un disparo moito máis desviado de Salva Ruiz de novo a oportunidade foi para Lara a centro de Keko Gontán. O remate de cabeza tamén se marchou desviado.

Unionistas tívoa no 60, após os seus dous primeiros cambios, cun balón á frontal da área pequena que obrigou a Carlos a saír aos pés de Ramiro como un porteiro de balonmán para evitar o tanto. Lara alto, recibindo deixada de Miku ao baixar unha falta botada por Keko, abriu os 20 minutos finais de partido nos que a historia de este continuou polos mesmos camiños.

A quince para o final Borja Granero non puido rematar con control unha xogada de estratexia deportivista que a punto estivo de coarse en propia porta. Xa no 85 chegou a mellor do Dépor cun gran tiro desde fóra da área de Borja Galán con rosca que obrigou a unha espectacular estirada a dúas mans de Serna que acabou sendo felicitado pola súa acción por compañeiros e rivais. O propio Borja Galán protagonizou a última xogada do partido nunha internada na área na que recibiu unha carga de Marín que tampouco López Parra entendeu como penalti, talvez na máis dubidosa do tres dun partido no que o Dépor mellorou pero non lle chegou nin para marcar nin para gañar.

RC Deportivo: Abad, Valín, Derik, Granero, Salva, Borges, Uche, Raí (Claudio, min. 80), Keko (Borja Galán, min. 77), Miku e Lara

Unionistas de Salamanca: Serna, Íñigo Muñoz (Josué, min. 80), Ramiro, Mario Gómez, Cris Montes (Manu Viana, min. 57), De la Nava (Nespral, min. 70), Diego Hernández (Aythami, min. 57), Garay, Lama, Marín e Álex Rei (Carmona, min. 80).

Árbitro: López Parra (c. Cántabro). Amoestou a Diego Hernández (min. 33), Manu Viana (min. 64), Lama (min. 78), Miku (min. 82) e Aythami (min. 89)

Incidencias: partido da 12ª xornada do Grupo I Subgrupo A de Segunda División B disputado a porta pechada en ABANCA-RIAZOR.