RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#OSNOSOS

O Dépor pasa por riba do CF Fuenlabrada (4-1)

O Deportivo arroiou ao CF Fuenlabrada en ABANCA-RIAZOR a pesar de xogar máis dunha hora con dez futbolistas debido á inxusta expulsión de Davo cando o marcador xa sinalaba 2-0 a favor dos coruñeses. Martínez, o propio Davo, Yeremay e Lucas, que ademais deu as asistencias dos dous primeiros tantos, asinaron o póker de goles branquiazuis.

O Deportivo comezou o partido da mellor maneira posible. Ao cuarto de hora, despois dos seus dous primeiros disparos a porta, gañaba por 2-0. No minuto 10, Pablo Martínez abriu o marcador coa súa terceira diana do curso mediante unha cabezada inapelable nun saque de esquina lanzado por Lucas desde a dereita do ataque deportivista. No minuto 14, Lucas asistiu de novo, esta vez cun pase en profundidade após controlar o coiro botando, para Davo, que aguantou a presión de Alba e cruzou coa dereita lonxe do alcance do Javi Belman. Foi o quinto tanto do asturiano, máximo anotador deportivista no campionato ligueiro.

O Deportivo dominaba a pracer co marcador a favor. Mella estivo a piques de sorprender ao porteiro fuenlabreño no minuto 18 cun centro-chute que acabou en córner.

No minuto 24 produciuse a xogada que puido cambiar o guion do partido. O colexiado expulsou a Davo, por repeler cun plantillazo o pisotón que Alba lle propinou após caer ao chan. López Parra non castigou a agresión do defensa madrileño pero si a reacción do dianteiro deportivista.

Cun xogador máis, o CF Fuenlabrada estirouse, pero aínda que chegou en varias ocasións á área coruñesa non logrou poñer en apertos a Germán máis que en dous disparos afastados que o porteiro deportivista detivo sen problemas.

O Dépor, con todo, si estivo preto do gol. Xustamente na última acción do primeiro tempo, no cuarto minuto do tempo engadido. Lucas fíxose cun balón en mediocampo, lanzou en profundidade para Mella que gañou en carreira ao seu par e plantouse ante Belman, que coas pernas evitou o terceiro tanto branquiazul.

No descanso, Imanol Idiakez deixou no vestiario a Balenziaga para dar entrada a Dani Barcia, que se situou na posición de central esquerdo, pasando Pablo Martínez ao lateral.

Á hora de xogo, o Deportivo sentenciou o encontro co terceiro tanto. Mella cazou un balón solto en tres cuartos e meteu un sutil pase ao oco para a irrupción por velocidade de Yeremay, que sen parar colocou o esférico pegado ao pau máis afastado, imposible para Javi Belman. Foi o primeiro tanto do canario no presente curso.

Co partido decidido, Raúl disparou ao pau nunha acción a balón parado, no minuto 76, e o CF Fuenlabrada recortou distancias no minuto 85, cando Ilies remachou unha deixada de cabeza de Raúl, que gañou o salto ao Ximo Navarro.

Pouco durou a alegría aos madrileños, que dous minutos máis tarde, completamente envorcados, encaixaron o 4-1. Lucas gañou por velocidade a Benítez un balón solto após rebotar un disparo afastado en Villares e despois dunha carreira de 60 metros plantouse ante Javi Belman para batelo por baixo no man a man. O '7' deportivista anotou o seu quinto tanto do curso, cuarto en Liga, que eleva a 47 a súa cifra de goles oficiais como branquiazul, igualando na 23ª posición do ranking histórico a Hilario Marrero e Walter Pandiani.

Con esta vitoria, o Deportivo logra por primeira vez este curso tres triunfos seguidos, que o consolidan en posicións de playoff de ascenso con 38 puntos despois de 22 xornadas. O conxunto branquiazul soamente perdeu 1 dos últimos 11 encontros e sumou 7 vitorias, 3 empates e 1 derrota, ou o que é o mesmo, 24 dos 33 puntos en xogo.

RC Deportivo: Germán, Ximo Navarro, Jaime, Pablo Martínez (Iano Simão, min. 83), Balenziaga (Dani Barcia, min. 46), Jose Ángel (Paris Adot, min. 83), Diego Villares, Mella (Barbero, min. 75), Lucas, Yeremay (Rubén López, min. 64) e Davo.

CF Fuenlabrada: Javi Belman, Vigaray, Sotillos, Lama, Alba (Cristóbal, min. 30), Durán, Fer Ruiz (Benítez, min. 65), Ale Galindo (Aarón, min. 83), Buer (Ilies, min. 46), Raúl e Sergio Benito (Adalberto, min. 65).

Goles: 1-0 Pablo Martínez (min. 10); 2-0 Davo (min. 14); 3-0 Yeremay (min. 60); 3-1 Ilies (min. 85); 4-1 Lucas (min. 87).

Árbitro: Álvaro López Parra (c. cántabro). Expulsou por vermella directa a Davo (min. 24). Cartón amarelo a Ale Galindo (min. 17), Lama (min. 39), Raúl (min. 45+3), Germán (min. 57), Sergio Benito (min. 59) e Yeremay (min. 59).

Incidencias: partido correspondente á 22ª xornada do grupo 1 de Primera Federación no Estadio ABANCA-RIAZOR ante 21.290 espectadores.

📸 GALERÍA DE FOTOS EN FACEBOOK