RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor pecha a pretemporada mañá domingo ante o Bergantiños CF onde a iniciou, Ponte dos Brozos

O Deportivo pechará a pretemporada mañá domingo 21 de agosto ás 19:00 horas ante o Bergantiños CF de Segunda RFEF onde a iniciou, o campo arteixán de Ponte dos Brozos.

O prezo único das entradas fixado polo Atlético Arteixo para todo o público asistente é de 10 euros e poden adquirirse anticipadamente nesta ligazón

Ademais o despacho de billetes do campo abre unha hora antes do inicio do partido.

Como o resto de partidos de pretemporada do Deportivo, dentro da Dépor Xira Integral Motion, o encontro tamén se retransmitirá en directo a través da canle oficial de Youtube do Club: www.youtube.com/RCDeportivo grazas ao patrocinio de Integralmotion.es.

A suspensión do Trofeo Emma Cuervo previsto para esta tarde polo compromiso oficial do Unionistas de Salamanca en Copa Federación obrigou a reprogramar a planificación semanal ademais de organizar esta última cita antes da liga. "Trastórnanos porque non se xoga. Tivemos que modificar sobre a marcha a semana. Houbo un erro de organización pero teño entendido que non foi culpa nosa. Emendámolo da mellor maneira posible sabendo a falta de 72 horas o difícil que era organizar un partido. Agradecer a predisposición do Bergantiños, de adaptarse un pouco ás nosas necesidades", manifestou este mediodía respecto diso Borja Jiménez.

O equipo descansou onte venres 19 de agosto antes do adestramento matinal de hoxe en Abegondo.

Borja Jiménez leva mañá a esta última cita a 16 futbolistas, entre eles os canteiráns Jairo e Yeremay. O resto do cadro adestrarase na Cidade Deportiva a partir das 10:30 horas.

Diego Villares, que se recupera dunha escordadura do ligamento lateral interno do seu xeonllo dereito; e Ibai Gómez e Héctor, ambos na recta final da súa recuperación, serán as únicas baixas.

Sobre o futbolista vasco, o técnico deportivista indicou en rolda de prensa que "se mañá nos jugaramos tres puntos estaría na convocatoria pero como non nolos xogamos, por un día, non imos acelerar un proceso no que existe un mínimo risco de recaída. Ímolo a coidar. O importante é que esta semana fixo case todo co grupo a moi bo ritmo e sobre todo que as súas sensacións son moi boas. Estamos encantados".

Esta mañá, o corpo técnico dispuxo após un quecemento con roda de pases, rondos e un xogo de colectivo; de fútbol reducido, un partido, unha tarefa de accións defensivas e finalizacións, e un ensaio de accións a balón parado.

Finalizado o partido e a Dépor Xira Integral Motion 2022, o Dépor descansa o luns 22 e regresa ao traballo o martes 23 ás 10:30 en Abegondo.

No horizonte está xa o debut en Primeira RFEF ante o DUX previsto para o sábado 27 de agosto ás 19:30 en ABANCA-RIAZOR