RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor pecha a temporada regular en ABANCA-RIAZOR

O Deportivo conclúe a liga no grupo 1º de Primeira RFEF mañá sábado 28 de maio ás 18:30 en ABANCA-RIAZOR (TVG-2, Footters e Fuchs Sports) ante o Unionistas de Salamanca CF.

Este último partido ligueiro é intranscendente a nivel clasificatorio para os branquiazuis, co segundo posto amarrado ao sumar 74 puntos por 69 do Racing de Ferrol, terceiro. "Despois da vitoria do outro día (en Valladolid) e conseguir matematicamente a segunda praza permitiunos esta semana traballar algunha cousiña xa máis de cara ao playoff, ir controlando as cargas dalgúns xogadores para que cheguen nas mellores condicións. Foi unha semana moi boa de adestramentos, onde os rapaces non baixaron o ritmo á hora de facer as cousas", manifestou Borja Jiménez este mediodía na sala de prensa de ABANCA-RIAZOR.

De cara aos últimos 90 minutos de liga, o equipo conta coas baixas por lesión de Víctor, Rafa de Vicente e Trilli; admeás de Héctor e William de Camargo, sancionados. Alberto, Noel, Yeremay e Brais Val son os representantes de #ANOSACANTEIRA nesta última convocatoria ligueira de 21 futbolistas.

Sobre este canteirán, Brais Val, Borja Jiménez explica que "nos fai a liña defensiva enteira en calquera situación, por diante tamén como mediocentro máis defensivo. É un rapaz que durante todo o ano tivo unha predisposición moi boa a adestrar, en metade dunha sesión, ao final... Sempre puxo un sorriso cando lle chamou o primeiro equipo e merece estar mañá connosco".

No entanto desexa o adestrador branquiazul que Rafa de Vicente, "que se fixo un pouco de dano a pasada semana e que non puido adestrar nesta, incorpórese connosco a semana que vén".

Esta mañá, o cadro realizou un último adestramento a porta pechada en ABANCA-RIAZOR, cun partido a tres cuartas partes de campo e un ensaio de accións a balón parado (saques de esquina...) como tarefas principais.

En canto ao Unionistas de Salamanca CF, que derrotou aos deportivistas (2-1) na primeira volta disputada no Estadio Reina Sofía, xógase acceder ao playoff. Son sétimos con 58 puntos e están a 1 punto da quinta praza, agora en poder do CF Rayo Majadahonda, igualado co UD Logroñés, sexto.

Así pois, os salmantinos, entre os que figura o ex deportivista Rayco, necesitan gañar en ABANCA-RIAZOR e esperar que os madrileños non gañen en Badaxoz nin os rioxanos en León.

Esta temporada, lonxe do seu estadio e incluíndo o choque ante o Extremadura UD gañado por decreto federativo (0-2), o Unionistas venceu en 5 partidos, empatou 7 e perdeu 6; cun total de 18 goles a favor e 19 en contra.

Na Coruña estará apoiado por máis de 500 afeccionados, conscientes da importancia do partido para os blanquinegros. A súa Federación de Peñas montou unha quedada nas rúas do centro da Coruña para vir xuntos a ABANCA-RIAZOR desde a praza de María Pita.

Finalizado o choque, o Dépor vólvese a adestrar o domingo 29 de maio ás 10:30 en Abegondo.