RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#ASNOSAS

"O Dépor por fin é de Primera!", proclama o vestiario

Ataviadas con bandeiras como a asturiana ou o castelán-leonesa, lucindo a camiseta conmemorativa do ascenso cos lemas "ascendendo xuntas" e "Liga F estamos de volta", e por suposto coa bufanda branquiazul ao pescozo compareceron na zona mixta de ABANCA-RIAZOR as 3 capitás do Dépor ABANCA: Cris Martínez, Henar e Raquel.

Cris Martínez indicou que "foi incrible vivilo aquí en ABANCA-RIAZOR con toda a nosa xente. Levabamos moito tempo pelexando por isto, deuse así porque se tiña que dar así. Estamos moi felices".

Henar, após ser interrompida polo resto do cadro que irrompeu na zona mixta ao berro de "é de Primeira...", subliñou que "isto do Dépor é unha tolemia. O que se vive aquí non se vive en ningures. 14.000 persoas di un pouco o que é o Dépor, este club, esta afección. #ANOSAFORZA é de Primera e o Club tamén".

Pola súa banda, Raquel García lembrou que "levamos pelexando tempo, que Cris poida devolver ao Dépor a Primera é o mellor que nos pode pasar. O resto viñemos a devolver ao Dépor onde se merece. Temos un Club e unha afección de Primera. Parece que hoxe todo é festa e vaino a ser pero detrás hai un traballo que ninguén o imaxina, todos os días currando, pasamos por bágoas, momentos moi fodidos. Hoxe por fin volvemos sorrir e moita emoción por podelo celebrar coa nosa afección. O Dépor por fin é de Primera!"