RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#OSNOSOS

O Dépor prepárase para recibir mañá domingo nun abarrotado ABANCA-RIAZOR a un grandísimo equipo

O Deportivo espera mañá domingo 28 de abril ás 19:00 horas (TVG-2 e FEF TV), con motivo da 34ª xornada no grupo 1º de Primera Federación ante o CD Arenteiro, a un "grandísimo equipo, que está a facer unha grandísima temporada e que ademais, como todos, vai vir con esa motivación extra que supón para todo o mundo xogar en ABANCA-RIAZOR", tal e como subliñou Imanol Idiakez na sala de prensa.

O técnico branquiazul insiste en que "non temos dúbida de que o noso camiño é gañar o domingo, que seguro que damos un paso importante cara a adiante".

Os resultados da última xornada, co triunfo branquiazul ante a Cultural Leonesa (2-0) en ABANCA-RIAZOR, deixaron a Os Nosos á fronte da táboa con 67 puntos por 61 do FC Barcelona B e 60 do Nástic de Tarragona. SD Ponferradina e Celta Fortuna suman 57 puntos a continuación.

Aínda que está todo o equipo convocado, causan baixa para o partido Jaime, sancionado por acumulación de amoestacións; e Hugo Rama, lesionado. Rubén será o representante de #ANOSACANTEIRA.

#ANOSAFORZA abarrotará de novo ABANCA-RIAZOR, posto que non hai entradas dispoñibles para o partido desde hai varios días.

Esta mañá, baixo unha persistente choiva, o equipo ao completo salvo Hugo Rama realizou unha última sesión de traballo. O corpo técnico branquiazul dispuxo, após unha activación con roldo, un repaso ao plan de partido no campo 3.

Na primeira volta disputada en Espiñedo o pasado 17 de decembro venceron os deportivistas (1-2) con dobrete de Davo.

O CD Arenteiro, que a pasada fin de semana igualou no seu campo coa SD Ponferradina (0-0) e acumula 7 partidos sen coñecer a derrota, é 7º na táboa con 49 puntos.

Lonxe de Espiñedo esta temporada os ourensáns gañaron ao CD Lugo (0-1), Real Unión (1-2), SD Tarazona (1-2), CE Sabadell FC (0-1) e UE Cornellà (1-2); empataron co Osasuna B (0-0), CD Teruel (0-0), Real Sociedad B (2-2) e FC Barcelona Atlétic (1-1); e perderon co Nàstic (1-0), Celta Fortuna (4-3), Cultural Leonesa (1-0), CF Rayo Majadahonda (2-0), SD Ponferradina (2-1), Sestao River (1-0) e SD Logroñés (1-0).

O seu técnico, Javi Rey, manifestou que a semana transcorreu con "moita ilusión. Os xogadores e todo o CD Arenreiro están moi motivados de cara ao partido en ABANCA-RIAZOR. Todo o mundo quere xogar este tipo de partidos, a xente está moi enchufada, un gran ambiente, o nivel de adestramentos foi moi alto".

Confesa que está "a desexar que chegue o partido porque as sensacións son moi boas. Onte adestramos en herba natural e fixemos un moi bo adestramento. Teñen clarísimo o plan de partido e nese aspecto estou tranquilo".

Finalizado o encontro, o Dépor descansa o luns e adestrarase de novo o martes 30 de abril ás 11:00 horas.