RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor puxo o punto final á temporada en Mestalla (2-1)

O último partido da temporada para o Dépor veu marcado polas ausencias e a recomposición do once por parte de Clarence Seedorf. Desde a portería, defendida por segunda vez esta temporada por Maksym Koval, a unha parella de centrais inédita formada por Mujaid e Navarro. A terceira das grandes novidades, a presenza no once inicial de Gerard Valentín na posición de interior dereito.

O encontro tivo un inicio moi dinámico, con rápidas triangulacións do Dépor e a primeira chegada para a Valencia no minuto tres nun balón raso que acabou despexando Luisinho na frontal da área pequena. O primeiro disparo chegou no cinco cun tiro desde a frontal de Parejo que se marchou desviado.

A primeira aproximación do Dépor, após varios minutos de intercambio de golpes no centro do campo, chegou nun balón colgado de Bakkali desde a esquerda que tivo que sacar coa man zurda Jaume Domènech.

No primeiro cuarto de partido o Dépor buscou ser incisivo sen atopar chegadas claras, mentres que en defensa mostrouse moi contundente para cortar, en zona de castigo, as acometidas da Valencia que non lograba mover o balón con comodidade nin disparar sobre a portería de Koval. O primeiro tiro, no 27, si acabou en gol. O balón ao segundo pau rexeitado por Navarro, no que Zaza fíxose espazo empuxando a Luisinho, recolleuno o italiano para disparar cruzado lonxe do alcance do porteiro branquiazul.

A pesar do gol encaixado, o Dépor seguiuno tentando coas incorporacións por banda de Juanfran e Gerard Valentín, pero sobre todo coa mobilidade de Bakkali, que disparou desde a frontal no corenta ás mans de Jaume.

Sen moita máis historia chegouse ao descanso en Mestalla.

Arrincou con forza o segundo tempo o Valencia cun disparo desde a frontal de Guedes e unha xogada inmediatamente posterior na que Koval sacou unha boa man para afastar o perigo. A continuación foi case un monólogo local que, á saída dun córner, estrelou contra o traveseiro da portería de Koval un remate de cabeza de Maksimovic.

De novo o traveseiro repeleu un remate de Zaza a centro de Gayá. Foi a antesala de dúas chegadas consecutivas do Dépor, un centro de Juanfran que rematou de primeiras alto desde o punto de penalti Borja Valle e unha reedición desa xogada rematada por Lucas de cabeza. O de Monelos levaba uns minutos no campo após substituír a un lesionado por un a dura entrada Bakkali, mentres que Gerard Valentín deixara o seu posto a Adrián para configurar un ataque máis habitual esta temporada en LaLiga.

No minuto 71 Koval equivocouse no saque coa man, deixándolla a Guedes, pero refacéndose ben para facer un paradón cando o atacante valencianista tentou a vaselina. Ante o que non puido facer nada foi no 78 cando o propio Guedes puxo o 2-0 no marcador cun zapatazo após recibir un pase de tacón dentro da área de Vietto.

Respondeu rápido o Dépor cunha gran xogada individual de Adrián que gañou liña de fondo para ceder a Lucas, que non perdoou o 2-1. E a punto estivo de chegar o 2-2 cunha xogada similar, pase atrás desde a liña de fondo e remate raso de Krohn-Dehli que despexou Jaume. No rexeite case empata Lucas pero os reflexos do porteiro valencianista impediron o gol.

Non menos clara foi a que tivo Borja Valle após unha gran xogada de equipo e que de novo, tirando de reflexos, sacou co pé Domènech.

Así, con bo fútbol e ocasións, o Dépor puxo punto final á temporada en Mestalla.

Valencia CF: Jaume, Vidal, Garay, Murillo, Gayà, Carlos Soler, Parejo (Kondogbia, min. 62), Maksimovic, Guedes, Rodrigo (Vietto, min. 67) e Zaza (Santi Mina, min. 64).

RC Deportivo: Koval (Tytoń, min. 83), Juanfran, Mujaid, Navarro, Luisinho, Krohn-Dehli, Mosquera, Gerard Valentín (Adrián, min. 62), Emre Çolak, Bakkali (Lucas, min. 59) e Borja Valle.

Árbitro: Medié Jiménez (c. Catalán). Sen amoestacións

Goles: 1-0 Zaza (min. 28), 2-0 Guedes (min. 77), 2-1 Lucas (min. 80)

Incidencias: partido da 38ª xornada de LaLiga disputado en Mestalla ante 35.376 espectadores