RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL

O Dépor regala á súa afección a primeira vitoria de 2015

- Foto: Susi García -   A vitoria por 1-0 ante o Athletic de Bilbao, con gol de Iván Cavaleiro, permite ao Dépor estrear 2015 do mellor modo, con tres puntos que lle permiten manter o pulso na liga e achegarse á zona

Para logralo o Deportivo presentou dous cambios con respecto ao último encontro ligueiro disputado en 2014 en Vilarreal: Luisinho, que estaba sancionado no Madrigal, relevou esta noite a Canella; e Pablo Insua ao amoestado Sidnei.
 
O técnico do Athletic, Valverde, non podía contar cos sancionados Muniain e Aduriz, dúas pezas fundamentais no esquema dos 'leóns'.
 
O partido arrincou sen dono, con moita precipitación nos dous equipos, que apenas conseguiron enlazar algunha xogada de perigo. As perdas de balón eran constantes en ambos os bandos, nun partido que case parecía de pretemporada.
 
As defensas impúñanse aos ataques e os dianteiros incorrían continuamente en fóra de xogo, caso de Toché polo Dépor ou o ex alavesista Viguera polos vascos.
 
No minuto 23 adiantouse o Dépor. Álex colgou un balón na área do Athletic, Cavaleiro adiantouse aos dous centrais bilbaínos, aos que colleu ben as costas, e bateu por baixo a Iraizoz. Este gol deixou tocado ao Athletic, que apenas creou perigo nos minutos seguintes ao tanto do internacional portugués.
 
É máis, o Dépor puido aumentar a súa renda no marcador nunha gran xogada de Juanfran, que se marchou de dous rivais polo carril dereito, chegou ata a liña de fondo e o seu pase atrás rematouno Juan Domínguez, libre de marca, moi alto.
 
O Athletic recorreu ao balón colgado á área e á envergadura dos seus homes de ataque, caso de Viguera, para tentar igualar o partido. De momento, sen fortuna.
 
A noticia mala da noite foi a lesión de Fariña, que se viu obrigado a pedir o cambio debido a unhas molestias nos isquiotibiais da súa perna dereita, pendente de avaliación médica nos próximos días.
 
Ao descanso chegouse con vitoria provisional deportivista.
 
O Athletic comezou a segunda metade cun cambio no seu once (Iraola relevou a Susaeta) e coa firme convicción de acantoar ao Dépor na súa área. A primeira oportunidade deste segundo tempo foi para Viguera, que cabeceou ás mans de Fabricio un balón colgado desde a banda zurda.
 
O Dépor tratou de saír por velocidade, con Conca e Cavaleiro principalmente, e sorprender de novo á contra á zaga branquivermella. Os pupilos de Víctor Fernández aguantaban sen abafo ao rival. O Athletic apenas podía pasar a barreira deportivista.
 
Valverde moveu de novo o banco e deu entrada a Beñat por Mikel Rico e a Williams, que se situou como segundo dianteiro, por Unai López.
 
No entanto, había pouca claridade de ideas. No outro área, un gran pase de Juanfran deixou a Juan Domínguez só ante Iraizoz. O canteirán non puido precisar o control do esférico que lle deixou nunha situación inmellorable para matar o partido.
 
Foi a última ocasión clara. Ambos os equipos tentaron seguírono tentando ata o último instante pero nada variou para que o Dépor fixese o mellor agasallo de reis para a afección: unha nova vitoria en Riazor que o público festexou de forma especial ao termo do partido.
 
Deportivo: Fabricio, Juanfran, Lopo, Insua, Luisinho, Alex Bergantiños, Juan Domínguez, José Rodríguez, Fariña (Conca, min. 34), Cavaleiro (Wilk, min. 89) e Toché (Postiga, min. 71).
 
Athletic Club: Iraizoz, Laporte, San José, Iturraspe, De Marcos, Ibai, Susaeta (Iraola, min. 46), Mikel Rico (Beñat, min. 67), Viguera, Balenziaga e Unai López (Williams, min. 74).
 
Árbitro: Undiano Mallenco, (C. Navarro). Amoestou a Unai López (min. 63) e a Juan Domínguez (min. 85).
 
Goles: 1-0, m. 23: Cavaleiro.
 
Incidencias: partido da 17ª xornada da liga BBVA disputado ante 20.166 espectadores en Riazor..