RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor traballa as finalizacións "sen dúbidas do que é o potencial ofensivo deste equipo"

Os Nosos afinaron a puntaría baixo un temporal de vento e choiva esta mañá en Abegondo.

Óscar Cano dispuxo como tarefa principal un exercicio de centros laterais e remates a portería de cara ao partido deste domingo 19 de marzo ás 17:00 (InSports.tv) no Estadio Reino de León ante a Cultural y Deportiva Leonesa, correspondente á 28ª xornada no grupo 1º de Primera Federación.

En rolda de prensa, o técnico deportivista asegura que o ataque do Dépor "está ben" aínda que recalcou que calquera equipo lonxe do seu campo "fai menos ocasións".

Lembra que "en La Línea tivemos as máis claras. Mesmo hai un traveseiro, un man a man de Lucas, unha falta que tira moi ben Lucas e que no banco criamos que entrara. Despois fixéronselle 5 goles que puideron ser máis ao CD Badajoz e o outro día temos a un dos primeiros clasificados enfronte, un gran equipo (en referencia ao Real Madrid Castilla). Aínda así, na primeira parte Lucas ten tamén unha moi clara; está a de Mario que está o porteiro practicamente batido; hai unha que non destacou tanto e que é un pase atrás que remata Kike Saverio co porteiro nunha posición difícil de alcanzar a pelota, pero dálle na perna a Rafa Marín; está o gol de córner; hai outro remate nun saque de esquina... Si se produciron cousas en ataque".

Por todo iso, Óscar Cano non ten dúbida "do que é o potencial ofensivo deste equipo. Temos ao mellor xogador da categoría, que estou convencido que volverá marcar moitos goles. O importante é que as ten, o importante son esas carreiras tan definitivas que el ten e esa ansia por axudarnos sempre. E despois hai unha serie de xogadores, non só en primeira liña de ataque como poden ser Arturo e Max Svensson, senón da segunda liña que teñen gol: Mario ten gol; Quiles ten gol, de feito é o máximo goleador de momento do equipo; e despois estamos a ter moitas opcións a balón parado. Ultimamente Pablo Martínez ten varias opcións; Pepe, outro rapaz que vai moi ben de cabeza; a de Adrián Lapeña o día do CD Badajoz... O equipo ten moitos recursos para facer gol e non é algo polo que teñamos que estar preocupados. Hai calidade para o gol neste cadro".

Antoñito foi o único futbolista que se adestrou hoxe venres á marxe, con traballo personalizado supervisado polo readaptador Álex Canosa.

Precisamente o máximo responsable do cadro aclara que quedou fóra do adestramento "porque así o decidimos con bo criterio, pero para nada está descartado".

De feito, desvela que ten "moitas esperanzas de que estea pero despois tamén hai que ter en conta como son as seguintes horas. Si teño que dicir que está bastante mellor, moitísimo mellor, que a principio de semana porque o tivemos entre algodóns e porque hai grandes profesionais ao redor del que condicionan positivamente a recuperación dos futbolistas".

Preguntado por Trilli, o seu recambio natural, foi rotundo o adestrador branquiazul: "Aquí está preparado todo o mundo, non só Trilli senón que todos e cada un dos xogadores que conforman o cadro do Dépor están preparados para xogar".

Mañá sábado 18 de marzo, Os Nosos están citados de novo en Abegondo ás 9:00 para almorzar e saltar ao céspede a partir das 10:30 horas. Será a última sesión previa ao partido do domingo no Estadio Reino de León.