RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor vence ao Fabril no primeiro partido de pretemporada (1-3)

Fabril e Deportivo abriron a pretemporada 2018-19 cun encontro amigable en Abegondo, disputado en dous tempos de 35 minutos cada un, xogados con enorme intensidade por ambos os conxuntos, no que a vitoria correspondeu ao primeiro equipo (1-3).

Partido de adestramento habitual entre semana nos anos 60 e 70, o duelo entre o primeiro e o segundo equipo branquiazuis como tal só tiña dous precedentes nas últimas décadas: o 31 de decembro de 1995 na Torre (sen árbitro e de 60 minutos: 0-0) e o 5 de agosto de 2008 en Riazor (último encontro do XVI Trofeo Juan Acuña, disputado en formato 3 en 1, xunto ao Birmingham City, en partidos de 45 minutos: 2-1 para o Dépor).

O Fabril adiantouse no marcador mediada a primeira metade, após unha boa chegada de Adri Castro ao segundo pau en busca dunha diagonal desde o extremo esquerdo de Luismi.

No minuto 33, produciuse un penalti a favor do Fabril, nun agarrón de Dani Giménez a Diego Villares. O porteiro branquiazul adiviñou a intención de Uxío e evitou que o filial ampliase distancias no marcador.

Acto seguido, Carles Gil estivo a piques de lograr a igualada nun disparo desde o bordo da área, após unha deixada de Diego Rolan. O dianteiro uruguaio tamén tivo unha boa ocasión segundos despois, pero rematou desviado.

Na segunda metade, Natxo González cambiou a todos os seus xogadores menos a Carles Gil.

Fede Cartabia gozou de dúas boas ocasións nos primeiros minutos. Na primeira delas disparou alto e na segunda topouse con Pablo Brea. Á terceira, xa no minuto 49, o arxentino acertou coa portería, pero o tanto foi anulado por fóra de xogo.

Na seguinte oportunidade, no minuto 51, Fede Cartabia logrou o empate, ao peitear un bo centro de Saúl desde o extremo esquerdo. E só dous minutos máis tarde, Pedro Sánchez dáballe a volta ao resultado ao culminar unha combinación na frontal da área. Pouco despois, Carles Gil, cun toque sutil por riba de Pablo Brea, asinaba o mellor tanto da mañá para colocar o 1-3 definitivo no marcador.

Fabril: Ricardo (Pablo Brea, min. 36), Víctor Eimil (Israel, min. 49), One, Raúl González, Lucas, Kanouté (Ortuño, min. 36), Gandoy, Villares, Adri Castro (Boedo, min. 36), Uxío (May, min. 49) e Luismi (Álex, min. 42).

Deportivo: Dani Giménez (Tytoń, min. 36), Blas (Quique Fornos, min. 36), Bóveda (Albentosa, min. 36), Pablo Marí (Mujaid, min. 36), Dubarbier (Saúl, min. 36), Pedro Mosquera (Bicho, min. 36), Álex Bergantiños (Gaizka, min. 36), Edu Expósito (Diego Caballo, min. 36), Carles Gil (Edu Expósito, min. 64), Christian Santos (Pedro Sánchez, min. 36) e Rolan (Fede Cartabia, min. 36).

Goles: 1-0 Adri Castro (min. 23); 1-1 Fede Cartabia (min. 51); 1-2 Pedro Sánchez (min. 53); 1-3 Carles Gil (min. 55).

Árbitro: Rubén Eiriz Mata (c. galego), auxiliado nas bandas por Rubén Vázquez Penas e María Eugenia Gil Soriano. Non houbo cartóns.

Incidencias: encontro amigable disputado no Campo 1 da Cidade Deportiva de Abegondo ante 550 espectadores.