RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O deportivismo pode gozar do arquivo persoal de Jaime Agulló en "Recordos en Branco e Azul"

Jaime Agulló, xogador do primeiro equipo deportivista durante case unha década, cedeu unha vintena de fotografías do seu arquivo persoal, que se atopan a disposición de todo o deportivismo na web "Recordos en Branco e Azul".

O Club dixitalizou varias imaxes históricas que Agulló ten na súa propiedade, como do encontro amigable ante a selección peruana en 1982 ou do partido de ida da semifinal de Copa do Rei de 1989, do que hoxe mesmo se cumpren 29 anos.

Jaime Eduardo Agulló Quintela militou 8 temporadas no primeiro equipo deportivista (1981-1989), co que disputou 195 partidos oficiais e anotou 9 goles. Con anterioridade xogou varias campañas no Fabril (1979-1982, 33 partidos e 8 goles). Ademais, o seu pai foi xogador deportivista na campaña 1957-1958 (8 partidos e 4 goles).

Na páxina web recordos.rcdeportivo.es calquera afeccionado ten a posibilidade de achegar o seu granito de area á reconstrución da historia do Club. Un novo dato sobre unha imaxe mediante un comentario, a cesión dunha nova fotografía, unha historia persoal ao redor da instantánea en cuestión...

A mellor opción é a de achegarse coa fotografía orixinal ás oficinas do Club na Praza de Pontevedra, 19 1º (de luns a venres de 9:00 a 14:00 e de 16:00 a 19:00 horas) para proceder á súa dixitalización coa maior calidade posible. Unha vez dixitalizada, a fotografía orixinal seralle devolta ao propietario, xunto á copia dixitalizada da mesma nunha memoria USB.

O cedente sempre conservará a propiedade da imaxe, que prestará ao RC Deportivo soamente para uso institucional. Todas as fotos publicadas están protexidas con marca de auga para evitar o seu uso fraudulento.

Tamén existe a posibilidade de darse de alta en "Recordos en Branco e Azul", creando, coa mesma sinxeleza que en calquera rede social, un perfil de usuario a través do que quedará constancia de que a foto é da súa propiedade.

A partir de aí, o usuario poderá comentar calquera fotografía e adquire a posibilidade de compartir co deportivismo unha nova imaxe. Cando efectúe a cesión directa da instantánea, esta non será visible de inmediato, pois deberá recibir o visto e prace en función de diversos estándares de calidade fotográfica e valor histórico.