RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O deportivista Pedro Martelo participará no Mundial sub-20 coa selección portuguesa

O xogador deportivista Pedro Martelo foi convocado pola Federación Portuguesa para formar parte do combinado luso que acudirá a disputar o Campionato do Mundo sub-20, que comezará o día 23 en Polonia.

Pedro Alves Correia anotou o tanto que deu á selección portuguesa a coroa europea hai 10 meses, na final fronte a Italia (4-3), ao cabo do torneo que serviu de clasificación para este Mundial. O dianteiro deportivista, que actualmente se atopa cedido ao Sporting Braga, suma a día de hoxe 17 partidos internacionais coas categorías inferiores de Portugal: 8 co equipo sub-19 e 9 co sub-20.

A concentración do equipo que dirixe Hélio Sousa arranca esta mesma tarde (14:30 hora local, 15:30 en España) na Cidade do Futebol da FPF, en Cruz Quebrada, nos arredores de Lisboa.

O conxunto portugués permanecerá concentrado nas instalacións federativas até o luns 20, día en que se desprazará a Katowice (Polonia), previa escala en Frankfurt (Alemaña). Entre medias, Pedro e os seus compañeiros disputarán un encontro amigable de preparación fronte a Arabia Saudita, o sábado 18 ás 11:00 hora local (12:00 en España), na Cidade do Futebol.

O calendario de Portugal, encadrada no Grupo F da primeira fase, é o seguinte:

Sábado 25 de maio
15:30: PORTUGAL - COREA DO SUR, no Stadion Miejski (Bielsko-Biała)

Martes 28 de maio
18:00: PORTUGAL - ARXENTINA, no Stadion Miejski (Bielsko-Biała)

Venres 31 de maio
20:30: SUDÁFRICA - PORTUGAL, no Stadion Miejski (Bielsko-Biała)

Os 2 primeiros clasificados de cada un dos 6 grupos e os 4 mellores terceiros accederán aos oitavos de final, que se xogarán os días 2, 3 e 4 de xuño. Os cuartos de final terán lugar o 7 e 8 de xuño. As semifinais xogaranse o 11 de xuño, mentres que a final disputarase o 15 de xuño, un día despois do partido polo terceiro posto.