RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Deportivo quere certificar a segunda praza mañá sábado no Anexo ao Estadio José Zorrilla de Valladolid

O Deportivo visita ao Real Valladolid Promesas mañá sábado 21 de maio ás 20:30 (Footters e Fuchs-Sports) no Anexo ao Estadio José Zorrilla coa clara intención de certificar o subcampeonato no grupo 1º de Primera RFEF. "Queriamos ser campións porque vai no noso ADN pero agora temos que valorar como algo moi positivo poder disputar unha fase de ascenso, que nunca é fácil en ningunha categoría", apuntou Borja Jiménez en rolda de prensa.

Esta segunda posición garante no playoff de ascenso posterior o triunfo sen os penaltis en caso de empate ao final dunha hipotética prórroga.

A falta de dous partidos para o final de liga, ou o que é o mesmos 6 puntos en xogo, os resultados da fin de semana pasada deixaron ao Dépor segundo na táboa con 71 puntos, con 5 puntos de vantaxe sobre o Racing de Ferrol, terceiro con 66.

Borja Jiménez non poderá contar con Víctor e Trilli, que seguen con traballo personalizado, e Rafa de Vicente, que queda na Coruña por "algunha molestia. Hoxe adestrou co grupo pero non queremos tomar ningún risco. Non ten moi boas sensacións e é un xogador que queremos ter sen ningún problema para o que queda de ano", explicou o técnico deportivista ante os medios de comunicación.

Noel e Yeremay serán os representantes de #ANOSACANTEIRA na citación de 21 futbolistas.

Esta mañá en ABANCA-RIAZOR, após un quecemento, Borja Jiménez dispuxo unha serie de partidos a metade e a tres cuartas partes de campo nos que fixo especial fincapé en accións a balón parado (saques de esquina...)

Esta semana, o Dépor celebrou a renovación dun dos seus estandartes, o canteirán Diego Villares, que asinou a súa ampliación de contrato até 2025; e mañá será unha xornada especial para un nutrido grupo de integrantes actuais do Dépor con pasado valisoletano, empezando por Borja Jiménez: Doncel, Antoñito, Jaime e Víctor García; ademais de Héctor Hernández, que militou nas categorías inferiores do Real Valladolid aínda que a súa carreira profesional transcorreu sempre lonxe da súa casa.

Pola súa banda, o Real Valladolid Promesas, que na primeira volta caeu (3-0) en ABANCA-RIAZOR, encara o choque en posicións de descenso: é decimoséptimo con 36 puntos, a 6 da salvación, agora en mans do Athletic Club B, e con 6 puntos en xogo.

Só unha carambola daríalle a permanencia posto que debe gañar os dous partidos que lle restan, que os bilbaínos perdan os dous e que o CF Talavera de la Reina, décimo sexto con 39 puntos, gañe un dos seus dous partidos para que se produza un triplo empate a 42 que salvaría aos valisoletanos.

O brasileiro Julio Baptista, técnico do Real Valladolid Promesas, apuntou que o seu equipo nos últimos dous meses "madurou moitísimo, conseguiu levar partidos con intelixencia. Iso dáche posibilidade de seguir construíndo, de seguir matizando as boas cousas que vimos facendo".

De feito, a pasada fin de semana, os valisoletanos estiveron a piques de sorprender en El Sardinero ao Real Racing Club. Caeron no desconto ante un rival, iso si, xa ascendido a Segunda División.

Pide aos seus que aproveiten as súas ocasións ante o Dépor: "Non tes posibilidade de equivocarche. Se tes unha ocasión tela que materializar porque contra equipos grandes se ti dáslle a ocasión eles vano a facer. Se chegas e marcas, o rival ten que remar en contra, tentar sobrepoñerse..."

Esta temporada, no Anexo ao Estadio José Zorrilla, e contando o choque ante o Extremadura UD resolto con 2-0 por decreto federativo, o Real Valladolid Promesas gañou 6 partidos, empatou 5 e perdeu 7; con 24 goles a favor e 25 en contra.