RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Estadio Vero Boquete de Santiago, sede o domingo do partido entre o Ourense CF e o Fabril

Foto: - SDCompostela -

O Estadio Vero Boquete de Santiago será o escenario este domingo 1 de maio ás 12:00 h. (TVG-2, G24.gal e futgal.é) do partido entre o Ourense CF e o Fabril correspondente á semifinal do play off de ascenso a Segunda RFEF.

As entradas para o partido, a prezo de 10 euros (acceso gratuíto para menores de 10 anos), pódense comprar nos despachos de billetes do estadio compostelán desde as 10:30 h.

Os ourensanistas acabaron a liga regular en segunda posición en Terceira RFEF con 67 puntos; mentres que o filial deportivista clasificouse como quinto do grupo con 53 puntos após vencer na última xornada ao Rápido de Bouzas en Abegondo e caer o Racing Villalbés precisamente co Ourense CF no Couto.

En caso de empate ao final do tempo regulamentario haberá prórroga pero non penaltis, xa que neste caso pasaría o Ourense CF por quedar mellor clasificado na liga que o Fabril.

Nos dous partidos disputados entre os dous equipos esta campaña houbo empate sen goles (0-0) no Couto na primeira volta; e triunfo ourensanista pola mínima (0-1) en Abegondo na segunda parte da competición.

UD Somozas e CD Barco xogarán a outra semifinal tamén no Estadio Vero Boquete o domingo 1 de maio a partir das 18:45 h. Os vencedores das dúas semifinais protagonizarán a final o domingo 8 de maio en sede aínda por determinar; e o gañador pelexará polo ascenso a Segunda RFEF co vencedor do play off doutro grupo.