O fabrilista Pedro foi titular hoxe no triunfo de Portugal sub-20 ante Polonia
O dianteiro do Fabril Pedro Correia foi citado pola selección portuguesa sub-20 para tres partidos amigables, todos eles en territorio luso.
No primeiro deles, Portugal recibiu hoxe xoves a Polonia no Estadio Algarve de Faro.
O canteirán deportivista foi titular no triunfo do seu equipo (2-0), con tantos de Elves Baldé na primeira metade e Leandro Cardoso na recta final do choque.
Mañá venres 16 (17:00 hora local, 18:00 en España) o combinado luso mídese a Eslovaquia no Estadio Municipal Bela Vista na localidade de Parchal.
A última cita para Pedro co combinado sub-20 de Portugal será tamén ante Eslovaquia, o domingo 18 no Estadio de Portimão (17:00 hora local, 18:00 en España).
Por este motivo, o dianteiro canteirán non estará dispoñible para Sergio Pellicer na cita desa fin de semana do Fabril, que será en Abegondo ante Las Palmas Atlético, o domingo 18 de novembro (11:30 horas).
Carlos Fernández xogou onte os últimos 23 minutos do España - Dinamarca sub-21
O dianteiro do Deportivo Carlos Fernández está concentrado coa selección española sub-21 para 2 partidos amigables estes días.
Así, o equipo nacional dirixido por Luis de la Fuente mediuse en primeiro lugar onte mércores 14 de novembro (4-1) nas Gaunas (Logroño) a Dinamarca.
O ariete branquiazul entrou ao partido no minuto 67 en substitución de Dani Olmo.
O vindeiro luns 19, España visitará a Francia, nun encontro que se xogará no Estadio Michel D'Ornano en Caen (21:00 horas). Será a última cita do ano para a sub-21 española, que prepara así o Campionato de Europa do ano próximo.
Por este motivo, Carlos Fernández perdeuse o LXXIII Trofeo Teresa Herrera de onte mércores no Estadio ABANCA-RIAZOR ante o Athletic Club; e non estará tampouco no partido de LaLiga 1|2|3 correspondente á 14ª xornada do Deportivo en Almería do luns 19 de novembro (21:00 horas, Gol e LaLiga 1|2|3 TV).