RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Oito partidos en #ANOSACANTEIRA mañá sábado, co Fabril en Abegondo e o Dépor ABANCA B en Mareo

Nova xornada de partidos en #ANOSACANTEIRA nunha semana na que a Cidade Deportiva recibiu un novo recoñecemento, xa que catro futbolistas foron convocados pola selección española sub-19 que dirixe Santi Denia e da sub-17 de Julen Guerrero: Dani Barcia, Noel e Trilli para a primeira; e Mella para a segunda.

Os dous combinados nacionais concentraranse para uns adestramentos en Alfaz del Pi (Alacante) do próximo luns 17 ao mércores 19 de xaneiro, xornada no que ao longo da tarde regresarán á Coruña.

O Fabril volve mañá sábado 15 de xaneiro en Abegondo ante o CF Noia (17:00 horas) á competición nun accidentado arranque de ano, posto que o primeiro partido oficial para #ANOSACANTEIRA este 2022, o do filial do pasado xoves 6 de xaneiro na Cidade Deportiva ante o Atlético Arnoia, foi aprazado polo Xuíz Único de Competición da Federación Galega de Fútbol debido a COVID-19 no vestiario do Fabril.

O encontro, correspondente á 14ª xornada, xa foi aprazado o pasado 5 de decembro por un caso de COVID-19 aquela vez no equipo ourensán.

Así mesmo, e por esta mesma circunstancia, tamén foi aprazado o choque correspondente á 18ª xornada do Fabril na Magdalena ante o Racing Villalbés, que se ía a disputar o pasado domingo 9 de xaneiro. A Federación confirmou tamén a suspensión de toda a xornada.

Óscar Gilsanz citou aos seguintes xogadores: Brais Suárez, Hugo Ríos, José Currás, Iano Simão, Juan Rodríguez, Dani Barcia, David Suárez, Brais Val, Javi Sanmartín, Mario, Fabio, Víctor, Yeremay, Mella, Cambón, Nájera, Padín e Diego Gómez.

O Club mantén activo o protocolo de apertura, con aforamento reducido e rexistro de asistentes, da Cidade Deportiva de Abegondo.

Poden retirar entradas dispoñibles, até esgotar aforamento e sen ningún custo adicional, todas as persoas socias do Real Club Deportivo que o tramiten formalmente a través da web bancada.rcdeportivo.es, na que deberán introducir o seu ID de socio e 4 últimos números do DNI. A continuación, seleccionar unha localidade libre na bancada e posteriormente completar os seus datos de contacto e a dirección de correo electrónico onde recibir a entrada.

Con eses mesmos datos doutras persoas socias, unha única persoa pode retirar máis dunha entrada nunha soa xestión e, deste xeito, seleccionar asentos contiguos ou próximos.

Este procedemento ten dous fins: poder solicitar e recibir a entrada e, ademais, levar un control de repartición e localización na instalación.

O Club solicita que unicamente tramiten a entrada aquelas persoas socias que vaian poder acudir ao partido, para evitar que queden afeccionados sen poder asistir unha vez completada a repartición do aforamento nun proceso 100 % telemático.

Así mesmo, está habilitado simultaneamente o sistema de venda de entradas para o público en xeral, a través da mesma plataforma en bancada.rcdeportivo.es e seguindo o preceptivo sistema de rexistro e pago de localidade. O prezo de cada entrada para afeccionados sen carné do RC Deportivo é de 10 euros.

Todos os asistentes deberán ocupar obrigatoriamente a fila e asento asignado para poder ter a todos os afeccionados localizados en caso de rastrexo por COVID-19. Tamén por protocolo COVID cada asistente deberá portar máscara en todo momento, sentar obrigatoriamente na localidade asignada na entrada e permanecer na devandita localidade sentado até finalizar o partido (unicamente permítense desprazamentos aos baños).

Fóra de casa, en Mareo (16:00 horas), o filial feminino, o Deportivo ABANCA B, visita ao Sporting de Gijón B aínda con sabor agridoce do último encontro ligueiro disputado en Abegondo ante o Viajes InterRías FF. As branquiazuis mereceron mellor sorte que unha derrota, pero impúxose a efectividade do líder do grupo 1º de Primeira Nacional.

Kevin Cabado, adestrador branquiazul, leva a estas xogadoras: Nuria, Reigosa (xuvenil do Orzán SD), Paula Novo, Andrea Ansede, María Calvo, Aroa González, Uxia Cabada, Elena López 'Cusi', Laura Testa, Marta Rico, Tati, Carmen Carballada, Paula Monteagudo, Iria Otero (xuvenil do Orzán SD), Noela, Marta Méndez, Trillo e Laura Otero (cadete do Orzán SD).

Mañá sábado xogan ademais case a totalidade de equipos. En Abegondo, unicamente farao o Infantil (11:30 no campo 5) ante o CD Lugo. O resto competirá fóra de casa: o Xuvenil B (12:15) en San Pedro de Visma 1 ante o CD Calasanz; o Cadete (11:00) na Gándara 2 ante o Racing de Ferrol; o Orzán SD Cadete Feminino (16:30) en Ponteareas ante o Sporting Club San Mateo; e o Orzán SD Infantil Feminino (16:00) no Monte (San Tirso) ante o Xuventude de Crendes CF.

Para o domingo 16, ademais do encontro do Orzán SD Xuvenil Feminino nas Eiroas ante o Bergantiños CF (17:00), queda o prato forte da xornada.

O RC Celta será o rival do Xuvenil A nos dezaseisavos de final da Copa do Rei. Esta primeira rolda copeira será a partido único na Madroa (12:00 horas), campo do mellor clasificado posto que o equipo céltico ten 47 puntos por 42 do Xuvenil A ao termo da primeira volta no grupo 1º da División de Honra. #ONOSODERBI xuvenil será retransmitido en directo pola TVG-2.

Finalmente, esta fin de semana tócalle descanso ao Fabril FC Alevín no subgrupo B de Primeira A Coruña e o duelo entre os dous equipos benxamíns nesta xornada do subgrupo A de Primeira A Coruña xogarase o xoves 20 de xaneiro ás 19:30 en Abegondo.

O calendario de partidos é o seguinte:

Terceira RFEF
19ª xornada: FABRIL - CF NOIA, o sábado 15 de xaneiro ás 17:00 en Abegondo
Clasificación: ... 4. Rápido de Bouzas e CD Barco, 28 puntos; 6. Fabril (un partido menos), 24 puntos; 7. Racing Villalbés e CSD Arzúa (un partido menos), 22 puntos; 9. Silva SD (dous partidos menos) e Alondras CF, 21 puntos...

Categoría feminina
15ª xornada: SPORTING DE GIJÓN B - DEPORTIVO ABANCA B, o sábado 15 de xaneiro ás 16:00 en Mareo
Clasificación da Primeira Nacional, grupo 1º: ... 3. Sárdoma CF e Oviedo Moderno CF B, 26 puntos; 5. Deportivo ABANCA B, 23 puntos; 6. Umia CF, 22 puntos; 7. Victoria CF, 19 puntos...

12ª xornada: BERGANTIÑOS CF - ORZÁN SD XUVENIL FEMININO, o domingo 16 de xaneiro ás 17:00 nas Eiroas
Clasificación da Primeira División Galega, subgrupo A: 1. Bergantiños CF (un partido máis), 19 puntos; 2. CD Lugo, 16 puntos; 3. Orzán SD Xuvenil Feminino, 15 puntos; 4. PM Friol B, 11 puntos...

9ª xornada: SPORTING CLUB SAN MATEO - ORZÁN SD CADETE FEMININO, o sábado 15 de xaneiro ás 16:30 no campo do Cruceiro (Ponteareas)
Clasificación da Liga Galega Cadete: ... 2. Sárdoma CF e UD Mos, 19 puntos; 4. Orzán SD Cadete Feminino, 16 puntos; 5. EF Femenino Rosalía, 13 puntos...

9ª xornada: XUVENTUDE DE CRENDES CF - ORZÁN SD INFANTIL FEMININO, o sábado 15 de xaneiro ás 16:00 no campo do Monte (San Tirso)
Clasificación da Liga Galega Infantil, subgrupo 1º: 1. Victoria CF (un partido menos), 18 puntos; 2. Orzán SD Infantil Feminino (un partido menos) e Victoria FC, 13 puntos; 4. Xuventude de Crendes CF, 12 puntos; 5. ADC Obradoiro (un partido menos), 6 puntos...

Categoría xuvenil
Dezaseisavos de final da Copa do Rei: RC CELTA - XUVENIL A, o domingo 16 de xaneiro ás 12:00 na Madroa

16ª xornada: CD CALASANZ - XUVENIL B, o sábado 15 de xaneiro ás 12:15 en San Pedro de Visma 1
Clasificación da Liga Nacional: 1. RC Celta B, 38 puntos; 2. Xuvenil B, 35 puntos; 3. CD Lugo B, 33 puntos; 4. Coruxo FC (un partido menos), 29 puntos...

Categoría cadete
14ª xornada: RACING DE FERROL - CADETE, o sábado 15 de xaneiro ás 11:00 na Gándara 2
Clasificación da División de Honra, subgrupo A: 1. Cadete (un partido menos), 34 puntos; 2. ED Xuventude de Oroso, 26 puntos...

Categoría infantil
13ª xornada: INFANTIL - CD LUGO, o sábado 15 de xaneiro ás 11:30 en Abegondo (campo 5)
Clasificación da Liga Galega, subgrupo B norte: 1. Infantil, 33 puntos; 2. San Tirso SD, 27 puntos...

Categoría alevín
4ª xornada: ATLÉTICO CORUÑA MONTAÑEROS CF - ALEVÍN A, o sábado 15 de xaneiro ás 11:00 na Torre (campo 1.1)
Clasificación da Primeira A Coruña, subgrupo A: 1. Alevín A, 9 puntos; 2. Atlético Coruña Montañeros CF (un partido menos), 6 puntos...

Clasificación da Primeira A Coruña, subgrupo B: 1. Victoria CF, 6 puntos; 2. CD Calasanz (un partido menos), 4 puntos; 3. Fabril FC Alevín, 2 puntos; 4. Ural Español CF (dous partidos menos), 1 punto; 5. Oza Juvenil SD (dous partidos menos), 0 puntos

Categoría benjamín
4ª xornada: FABRIL FC BENXAMÍN - BENXAMÍN A, o xoves 20 de xaneiro ás 19:30 en Abegondo (campo de herba sintética)
Clasificación da Primeira A Coruña, subgrupo A: 1. Benxamín A, 9 puntos; 2. Victoria CF A (un partido menos), Atlético Coruña Montañeros CF, Fabril FC Benxamín e Ural Español CF, 6 puntos; 6. CD Calasanz, 3 puntos...