RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Óscar Cano: "Temos que ser un equipo fóra de ABANCA-RIAZOR moito máis agresivo do que fomos até o momento"

Óscar Cano admitiu na sala de prensa de Abegondo que fóra de ABANCA-RIAZOR "temos que ser outro equipo, máis aló de que conseguimos uns resultados máis que aceptables. Pero quero máis. Eu sempre quero máis porque vou querer máis sempre con independencia de onde estou, pero estou nun lugar onde hai que dar máis porque temos un cadro ao que hai que esixir e un corpo técnico, por suposto, ao que nos teñen que esixir aínda máis para ver até onde podemos chegar, onde está o noso límite; e temos que ser un equipo fóra de casa moito máis agresivo do que fomos até o momento".

No entanto, aclara que "os partidos fóra de casa se o miramos desde unha perspectiva real, relacionada cos puntos, non son malos. Levar o 50% dos puntos disputados fóra non é unha tarefa fácil. O máximo número de puntos pódeo levar algún equipo porque tivo unha xeira boa, pero ao final esas xeiras tamén se truncan, como o caso o outro día do Alcorcón, que perde en Badaxoz. Nós imos perder como calquera equipo, espero que en ABANCA-RIAZOR non moito, pero fóra de casa todo o mundo vai caer porque todos os equipos están a xogarse moito".

Lembra ademais que "máis aló de que temos unha boa bagaxe de puntos fóra de ABANCA-RIAZOR, tamén podo dicir que os que perdemos xogamos máis de media hora cun xogador menos. Iso tamén inflúe moito pero aínda así eu teño que ser esixente e quero percibir desde o banco que o meu equipo de verdade ofrece esa cara tan rotunda e tan superior como a que ofrece en ABANCA-RIAZOR, a propósito de que, evidentemente tal e como somos aquí non imos poder ser fóra porque ningún equipo o é".

Nesta liña, comenta Óscar Cano que "nós non facemos formulacións moi distintas entre xogar de local e visitante, pero temos que ver que cando aquí chega un equipo o primeiro que fai é sacarlle fotos a ABANCA-RIAZOR: 'ostia, igual xa non veño nunca máis aquí a xogar'. Encima temos 20.000 que nos están apoiando e condicionando para ben todo aquilo que facemos. E fórmase unha atmosfera que lle fai moi costa arriba os partidos ao equipo contrario. Cando chegas fóra, non é a túa casa, non é o teu sitio, non é o teu lugar, encima fas unha viaxe longa, que iso tamén condiciona, igual que lle condiciona aos rivais aquí. Hai unha serie de cousas ou de factores que explican o que ocorreu sempre no mundo do fútbol, non só ao Dépor senón a calquera equipo, en calquera momento, que é que fóra de casa non se obteñen os mesmos resultados que como local".

Está de acordo en que a chegada dos reforzos neste mercado de inverno permite ter máis alternativas: "Diso trátase, de que dentro dunha identidade máis menos marcada, tamén haxa unhas alternativas. Ou que dentro dunha mesma identidade que ten que ser dominar, ser moi activos en temas de presión en campo contrario, podémolo facer con extremos máis puros, menos puros, con extremos que poidan xogar por fóra, con extremos que poidan xogar desde fóra cara a dentro, con extremos que se metan dentro para xogar, con laterais máis puros, con carrileiros, con carrileiros dunhas características, con carrileiros doutras. Ábrese unha serie de alternativas moi interesantes para o equipo cada vez que se modifica a configuración do cadro".

Do San Fernando CD Isleño, rival este domingo ás 16:00 horas (InSports.tv), avisa que "cando na dirección deportiva recrutan a unha persoa que está tan habituada, como é David Vizcaíno (actual Director Deportivo), a facer cadros moi competitivos mesmo noutras categorías, noutro tipo de clubs, é porque tiñan a esperanza de construír un equipo que lles permitise estar na parte de arriba e ascender. É dicir, o obxectivo do San Fernando, como o doutros tantos equipos da categoría era como mínimo facer playoff. E aí están os seus nomes. Máis que os seus números, o que hai que empezar a falar é dos seus nomes porque cando un cadro ten ese tipo de xogadores chega o momento da temporada no que espertan e a partir de espertar poden ser moi perigosos".

Recalca que "ten un ataque dos máis poderosos en canto a nomes e en canto a posibilidades; e sobre todo xa vimos avisados porque na primeira volta gañaron en ABANCA-RIAZOR. Por tanto, máis que fixarnos nos números que levan até o día de hoxe, temos que concentrar a nosa atención ao tipo de cadro que ten, aos xogadores que pertencen ao devandito cadro e iso tennos que facer estar moi alerta e moi centrados porque xa nos pasou en Badaxoz, que tamén estaba nunha situación difícil e non fomos mellores que eles. De feito gañáronnos e sobre todo porque o San Fernando xa nos gañou aquí".