RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
ACTUALIDADE

Suspendido o torneo que o Xuvenil A ía disputar en Sudáfrica

A organización do Torneo Internacional Sub-19 de Durban (Sudáfrica) comunicou hoxe sábado ao RC Deportivo a suspensión da competición na que ía participar o Xuvenil A deportivista.

Gugu Marawa, director do torneo, púxose en contacto formalmente co Dépor explicando que son "causas alleas ao noso control" as que motivaron esta drástica decisión, cando o cadro branquiazul estaba xa coas maletas listas, e despois de prepararse a todos os niveis (deportivo, administrativo, médico...) para competir a miles de quilómetros da Coruña.

Tras mostrar as súas desculpas aos responsables da canteira deportivista, Marawa mostrou a súa intención no futuro de que o equipo branquiazul "sexa convidado a nosa marabillosa cidade".

O Xuvenil A disputou o seu primeiro amigable de pretemporada este pasado xoves. Foi na Cidade Deportiva de Abegondo ante o equipo Sub-19 da Academia de Fútbol (AFA) de Angola.

O equipo que dirixe Rubén Coméndez caeu (3-4) nun entretido partido. Pedro, Rojo e Javi Sandá foron os autores dos goles branquiazuis, nun encontro no que todos os futbolistas do Xuvenil A tiveron minutos de xogo.

A Dirección da Canteira do Dépor porase en marcha agora para elaborar un novo calendario de amigables do Xuvenil A para este verán, co fin de chegar en plenitude de condicións ao mes de setembro, ao comezo de competición no grupo 1º da División de Honra.