RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
ACTUALIDADE

Trilli e Hugo Novoa puxeron hoxe o punto final a unha semana de internacionais en #ANOSACANTEIRA

Foto: - @SEFutbol -

#ANOSACANTEIRA contou esta semana coa presenza de 4 xogadores en diferentes categorías inferiores da selección española: Juan Rodríguez, Trilli, Hugo Novoa e Carlota.

Trilli e Hugo Novoa, subcampións da Aegean Cup en Turquía

O Deportivo achegou dous futbolistas á selección española sub-16, que xogou a Copa Aegean na cidade turca de Esmirna: os cadetes Trilli e Hugo Novoa.

España quedou encadrada no grupo B, con Rusia, Albania e Macedonia.

A selección española logrou a primeira praza do grupo B e, por conseguinte, a clasificación para a gran final, hoxe sábado ante a anfitrioa, Turquía.

Os turcos foron superiores e acabaron como campións (2-0). Trilli saltou ao céspede no minuto 80 de partido en substitución de Ferrán Ruiz. Hugo Novoa saíu como titular e foi relevado no descanso por Alan Godoy.

O pasado xoves 17, España impúxose (3-2) a Rusia no último encontro da Primeira Fase. Ibrahim Cámara -2- e Israel Salazar foron os goleadores españois. Hugo Novoa saltou ao campo no minuto 63 en substitución de Miguel Rodríguez; e Trilli esta vez seguiu o choque desde o banco.

O pasado martes, os españois, esta vez con Trilli e Hugo no once inicial, superaron (2-0) a Macedonia con tantos de Bruno Iglesias e Israel Salazar. Os dous canteiráns branquiazuis xogaron completo o encontro.

O primeiro rival da selección española sub-16 foi o pasado luns Albania, á que a 'rojita' derrotou (1-0), con gol de David Vilán.

Houbo tamén presenza deportivista, pero nesta ocasión na segunda metade. Trilli substituíu no minuto 61 a Rubén Iranzo; e Hugo Novoa saltou ao céspede no minuto 74 en substitución de Miguel Rodríguez.

Os resultados dos partidos da selección, todos nas instalacións de Altinordu FK Meti Oktay Tesisleri, foron os seguintes:

Primeira Fase
Luns 14 de xaneiro
ESPAÑA 1 - ALBANIA 0

Martes 15 de xaneiro
ESPAÑA 2 - MACEDONIA 0

Xoves 17 de xaneiro
ESPAÑA 3 - RUSIA 2

Sábado 19 de xaneiro
Final
TURQUÍA 2 - ESPAÑA 0

Carlota gañou con España a final do Torneo do Atlántico

A xogadora do Deportivo ABANCA Carlota Sánchez participou coa selección española sub-17 no Torneo do Atlántico en Santa Cruz de Tenerife.

Deste xeito, Carlota seguiu os pasos dados con anterioridade por outras xogadoras deportivistas como Teresa Abelleira, Nuria Rábano e Malena Mieres, tamén internacionais en categorías inferiores.

Onte venres 18, España xogou a final do trofeo ante Canarias. Venceron as españolas (4-1), nun partido no que sobresaíu Carlota.

A futbolista branquiazul saltou ao campo no minuto 46 en substitución de Ona Baradad e coa súa presenza no céspede, a selección decantou o partido no seu favor.

España enfrontouse o pasado mércores a Eslovaquia nunha das semifinais.

As españolas superaron claramente (3-0) ao seu rival, nun partido no que destacou Carlota: gol maxistral de volea e asistencia. Foi relevada no minuto 64 por Ascensión Martínez.

Os resultados da selección foron os seguintes:

Semifinal
Mércores 16 de xaneiro
ESPAÑA 3 - ESLOVAQUIA 0

Final
Venres 18 de xaneiro
ESPAÑA 4 - CANARIAS 1

Todos os encontros tiveron lugar nas instalacións do Centro Insular de Atletismo.

Juan Rodríguez xogou a segunda metade fronte a Italia coa sub-17

Juan Rodríguez Lima, que pertence ao cadro do Xuvenil B de Liga Nacional, foi citado pola selección española sub-17 para un amigable ante a poderosa Italia, subcampioa de Europa da categoría.

O choque disputouse o pasado mércores 16 de xaneiro no Estadio Fernando Torres de Fuenlabrada.

Os españois gañaron (1-0) e Juan Rodríguez xogou a segunda metade. Relevou a José Martínez no descanso.