RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Trilli iniciou hoxe en Abegondo a segunda fase da súa recuperación, tutelado polos Servizos Médicos do Club

O canteirán Trilli arrincou hoxe venres en Abegondo a segunda fase da súa recuperación xa baixo a supervisión dos Servizos Médicos do RC Deportivo.

O lateral deportivista participou esta mañá co resto do grupo nun circuíto de core no céspede do campo 2 e a continuación retirouse ao vestiario para continuar o traballo no ximnasio e cos fisioterapeutas do Club Daniel Varela e Rubén Barreiro; aínda que despois si realizou carreira continua de novo sobre o verde co readaptador Álex Canosa.

Trilli foi intervido cirurxicamente en Barcelona para solucionar as molestias sufridas no nocello a temporada pasada e na capital catalá realizou a fase de rehabilitación inicial post cirúrxica antes de regresar á Coruña.

"Falei hoxe (con el). No fútbol as cousas chéganche moi rápido. Tivo mala sorte porque a lesión lle pillou nun mal momento. Agora despois de moitos meses veslle sorrir porque sente alivio, quitouse esa dor que tiña permanente e está moi contento, do cal me alegro moitísimo", comentou Borja Jiménez este mediodía sobre Trilli na sala de prensa. "É moi importante para o Club, é parte do futuro do Club e temos que coidalo", engade.

O adestrador deportivista reitera que está "na fase final. Veu onte de Barcelona e agora hai que ir marcando as pautas que lle diga o seu doutor e os nosos médicos. Van ser as súas sensacións as que lle van a permitir ir incorporándose aos poucos ao grupo. Aí ten que ir el decidindo como se atopa en función dos exercicios que vaia facendo. El está moi esperanzado. Todo saíu ben e o máis importante é que volvino ver sorrir".

Ademais do defensor coruñés, seguiron con traballo personalizado Héctor, Borja Granero e Dani Barcia.

Esta mañá, a novidade sobre o céspede foi a presenza dos canteiráns Martín Ochoa e Jairo (este último nalgunhas tarefas), que se uniron así a Yeremay e Mella.

Precisamente sobre #ANOSACANTEIRA, Borja Jiménez lembra que "o premio para os canteiráns é estar no cadro. O salto é chegar ao cadro. Que xoguen ou non depende deles. É cuestión do seu traballo e o seu rendemento diario. Os que o fixeron ben xogaron e os que o fixeron menos ben non xogaron. Non por ser canteirán váiselle a tratar nin mellor nin peor. O máis xusto é que os tratemos igual a todos. O esforzo que fan é moi importante. Están a facer a pretemporada connosco e a partir de aí vanllo a gañar cada día adestrando. O rol vanno a pór eles".

Como é habitual nestes primeiros días de pretemporada, o corpo técnico deportivista alternou esta mañá traballo físico (core, circuíto analítico) con tarefas con balón (rondos, exercicio de conservación e transición e un partidillo oito contra oito).

Mañá sábado, o cadro adestrarase de novo ás 10:30 en Abegondo. Pola tarde, o Dépor disputará o seu primeiro amigable deste verán, ás 19:30 no campo Ponte dos Brozos ante o Atlético Arteixo, equipo recentemente ascendido a Terceira RFEF.

O encontro servirá tamén para homenaxear ao adestrador máis lendario da historia do RC Deportivo, Arsenio Iglesias, fillo predilecto de Arteixo, a súa localidade natal, no estadio situado na avenida que leva o seu nome.

As entradas custan 10 euros e están á venda nesta ligazón. De haber aforo, mañá venderanse en despacho de billetes desde unha hora antes. As persoas socias do Atlético Arteixo 22/23 teñen acceso gratuíto.