RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Un Dépor ABANCA esporeado polo triunfo en Tajonar recibe mañá a un Athletic Club B en apertos

O Dépor ABANCA, esporeado polo seu triunfo de oficio do pasado domingo en Tajonar ante o CDF Osasuna, encara mañá mércores 1 de febreiro ás 17:00 horas en Abegondo a seguinte cita en Primera FederaciónFutFem. O seu rival será o Athletic Club B (www.youtube.com/rcdeportivo), en partido correspondente á 18ª xornada.

Os resultados da xornada deixaron ás Nosas líderes da categoría con 34 puntos, os mesmos que o CP Cacereño Feminino (2º) e a SD Eibar (3º).

Irene Ferreras conta para este partido coas baixas das lesionadas Samara e Aroa Guerra; mentres que Paula Monteagudo será a representante de #ANOSACANTEIRA.

Pola súa banda, o Athletic Club B é 14º con 12 puntos, situado na antepenúltima posición da táboa nun ano complicado para as biscaíñas.

Na primeira volta, en Lezama, o triunfo foi branquiazul por 0-3, con goles de Marta Charle, Millene e Carlota Suárez.

O Athletic Club B chega a Abegondo após caer en casa o pasado sábado (0-1) ante a SD Eibar.

Lonxe do seu campo, as branquivermellas aínda non coñecen a vitoria no que vai de liga. Rabuñaron un punto en Córdoba (2-2) e en Madrid ante o Rayo Vallecano (2-2); e caeron co DUX Logroño (5-0), CDF Osasuna (1-0), SD Eibar (3-1), FC Barcelona B (3-0), SE AEM (2-0) e CD Alba Fundación Feminino (2-0).

O Club mantén activo o protocolo de apertura con rexistro de asistentes da Cidade Deportiva de Abegondo.

Poden retirar entradas dispoñibles, até esgotar aforo e sen ningún custo adicional, todas as persoas socias do RC Deportivo que o tramiten formalmente a través da web bancada.rcdeportivo.es, na que deberán introducir a súa ID de socio e os 4 últimos números do DNI. A continuación, seleccionar unha localidade libre na bancada e posteriormente completar os seus datos de contacto e a dirección de correo electrónico onde recibir a entrada.

Con eses mesmos datos doutras persoas socias, unha única persoa pode retirar máis dunha entrada nunha soa xestión e, deste xeito, seleccionar asentos contiguos ou próximos.

Este procedemento ten dous fins: poder solicitar e recibir a entrada e, ademais, levar un control de repartición e localización na instalación.

O RC Deportivo solicita que unicamente tramiten a entrada aquelas persoas socias que vaian poder acudir ao partido, para evitar que queden afeccionados sen poder asistir unha vez completado a repartición do aforo nun proceso 100 % telemático.

A xestión pode realizarse até completar o aforo. As socias e socios do RC Deportivo terán prioridade para a retirada da súa entrada gratuíta até o luns ás 23:59 h. A partir dese momento, se houbese aforo aínda dispoñible, habilitarase simultaneamente o sistema de venda de entradas para o público en xeral, a través da mesma plataforma en bancada.rcdeportivo.es e seguindo o preceptivo sistema de rexistro e pago de localidade. O prezo de cada entrada para afeccionados sen carné do RC Deportivo é de 10 euros.

Finalizado o encontro, o Dépor ABANCA ten previsto realizar o xoves un adestramento de recuperación con ximnasio e vídeo, a partir das 09:00 en Abegondo.