RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL

Un Dépor de menos a máis queda co mel nos beizos (1-1)

  RC Deportivo e Atlético de Madrid empataron a un gol en Riazor, nun partido no que os branquiazuis foron de menos a más, lograron un traballado punto e soamente o traveseiro evitó, nos últimos compases, que lograse

De saída, un Dépor precavido e un Atlético sen présas. O balón estivo en poder dun conxunto branquivermello que non atopou un só oco na zaga branquiazul ata o minuto 12, cando Sidnei evitou males maiores cruzándose providencialmente ante Jackson Martínez. Ata entón, ningún dos dous equipos introducira un esférico na área contraria.

O partido seguiu polos mesmos camiños durante boa parte da primeira metade. O conxunto herculino plantouse con solidez ante o roldo colchoneiro e buscou sorprender ao seu rival con balóns longos cando recuperaba a posesión. O primeiro disparo de todo o encontro, moi lonxe do marco de Germán Lux, chegou no minuto 23, por mediación de Jackson Martínez.
 
Lucas Pérez tratou de causar problemas á retagarda madrileña. E fíxoo, a pesar de atoparse moi só, en varias accións, aínda que sen xerar perigo ante a meta de Jan Oblak.
 
O Atlético de Madrid adiantouse no marcador no seu primeiro disparo entre o tres paus, aos 33 minutos de xogo. Un centro desde o extremo esquerdo de Yannick Ferreira Carrasco despexouno Sidnei, con tan mala fortuna que o balón rebotó na cabeza de Fayçal Fajr e caeulle a Tiago Mendes xusto ao bordo da área, desde onde empalmó un disparo que entrou pegado á cepa do poste esquerdo da portaría coruñesa.
 
Despois dun par de tímidos achegamentos deportivistas, nun centro chute de Jonás Gutiérrez, que se estreaba como titular, e nunha cesión que Oblak tivo que despexar con prema, Diego Godín cabeceou ao pau un córner lanzado por Koke. O rexeite colleu por sorpresa a Antoine Griezmann, cuxo frouxo remate atrapou Lux non sen apuros.
 
Naquel instante, o Deportivo non tivo resposta ante as acometidas dos colchoneiros. Carrasco gozou da oportunidade de ampliar diferenzas ao bordo do descanso ao cazar un balón solto no punto de penalti. O seu disparo acabou nun saque de esquina que estampou Griezmann, só o segundo pau, no lateral da rede.
 
Non cambiaron os nomes, pero si as tornas, co reinicio do encontro. Nin Víctor Sánchez nin Diego Simeone realizaron cambios nos seus onces. Con todo, os branquivermellos deron un paso atrás e o Deportivo fíxose coa pelota. Antes do minuto 50, os coruñeses xa deran tres avisos, en senllas internadas de Fede Cartabia e nun centro de Jonás que Lucas, na área pequena, non enganchou por milímetros.
 
O extremo arxentino volveu tentalo no minuto 56, nunha elaborada xogada, tras unha longa posesión branquiazul. O seu disparo, duro pero centrado, detívoo o gardameta esloveno do Atlético de Madrid. Algo similar sucedeu dous minutos despois, cando Oblak detivo un novo disparo por baixo, esta vez coa dereita, do santafesino.
 
Se providencial estivo Sidnei no arranque do encontro, tamén o estivo Godín no minuto 61, cando se cruzou ante Lucas. O coruñés dispúñase a fusilar a Oblak tras recoller, xa dentro da área contraria, un preciso envío longo do propio Sidnei.
 
Cando parecía que o Atlético de Madrid, que reforzaba o mediocampo coa entrada de Saúl Ñíguez por un dianteiro, Jackson, recuperaba a pelota, chegou o empate. Lucas porfiou con José María Giménez por unha pelota que se perdía pola liña de fondo, rouboulle a carteira ao uruguaio, sentou a Oblak con dous simulacros e definiu a pracer con dous defensas visitantes sobre a liña de gol.
 
O RC Deportivo veu arriba co tanto e o tres puntos estiveron a piques de quedar en Riazor. No minuto 87, outra longa posesión deportivista acabou co balón nos pés de Fayçal. O franco-marroquí perfilouse para disparar coa súa perna boa e enganchou un derechazo con efecto que se estrelou na cruceta esquerda do marco branquivermello.
 
Os pupilos de Víctor Sánchez do Amo alcanzan o primeiro cuarto de Liga con 14 puntos, a mellor cifra do equipo deportivista en Primeira División desde a Tempada 2009-2010. 
 
RC Deportivo: Lux, Laure (Juanfran, min. 75), Lopo, Sidnei, Fernando Navarro, Borges, Pedro Mosquera, Fede Cartabia, Fayçal, Jonás Gutiérrez (Luís Alberto, min. 68) e Lucas.
 
Atlético de Madrid: Oblak, Juanfran, Giménez, Godín, Filipe Luís, Carrasco (Correa, min. 60), Tiago (Fernando Torres, min. 82), Gabi, Koke, Griezmann e Jackson Martínez (Saúl, min. 71).
 
Goles: 0-1 Tiago (min. 33); 1-1 Lucas (min. 76).
 
Árbitro: Pérez Montero (c. Andaluz). Amoestou a Fayçal (min. 14) e Fede Cartabia (min. 89).
 
Incidencias: partido da 10ª xornada da liga BBVA disputado no Estadio de Riazor ante 24.608 espectadores.