RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Uns 7.000 deportivistas arroupan a Lucas Pérez na súa presentación oficial en ABANCA-RIAZOR

ABANCA-RIAZOR viviu unha tarde de tempos pasados que de seguro tarde ou cedo volverán chegar.

Uns 7.000 deportivistas de todas as idades, que abarrotaron a Tribuna do estadio e ocuparon unha parte de Maratón Inferior, arrouparon a Lucas Pérez na súa presentación oficial como novo xogador do Dépor.

Até o tempo acompañou despois duns días pasados por auga. A Coruña recibiu a un dos seus ídolos cunha tarde asollada e unha temperatura case primaveral.

O dianteiro coruñés situouse á altura doutros futbolistas branquiazuis recibidos en loor de multitudes por #ANOSAFORZA, caso das estreas de Bebeto, Rivaldo ou máis recentemente Andrés Guardado, por exemplo.

Poucos minutos despois das 19:00 horas, a hora anunciada polo Club, e após unha emotiva comparecencia ante os medios de comunicación na sala de prensa acompañado pola súa parella, foi recibido no céspede cunha atronadora ovación e un espectacular xogo de luces.

Vestido co primeiro equipamento branquiazul, co 7 ás costas que luciu no pasado e lucirá no seu regreso, o novo ariete deportivista posou co Presidente do Club, Antonio Couceiro, e con representantes do seu patrocinador, Greenalia.

Coa bancada totalmente entregada e visiblemente emocionado, Lucas, con bágoas nos ollos, desatou a tolemia entre os afeccionados co lanzamento de balóns e ao percorrer a banda saudando a #ANOSAFORZA.