RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Borja Valle: "Son un privilexiado de vivir o que estou a vivir, de estar onde estou"

Borja Valle, bigoleador onte ante o Corinthians brasileiro na XIX edición do Memorial Moncho Rivera, confesou esta mañá na sala de prensa de Abegondo estar "moi contento. Ao final estes partidos serven para iso, para que as persoas que non xogamos tantos minutos collamos boas sensacións. Neste caso saíu ben".

Recoñece que é "difícil" traballar cada día e ter poucos minutos nos partidos: "O fútbol é así. Por moito que traballes non tes a recompensa que mereces ou que crees que debes de ter. Ao final é unha persoa a que decide, somos vintetantas persoas no persoal e xogan once. É complicado, é difícil. O último que podo facer é renderme e baixar os brazos".

Explica que desde o principio era consciente que "este equipo ten un nivel alto. Hai xogadores que xogaron en equipos importantes, que ía ter moita competencia e que ía ser moi difícil. Ao final son un privilexiado de vivir o que estou a vivir, de estar onde estou. Valóroo moito. Traballo día a día para que chegue esa recompensa. Para xogar os máis minutos posibles. É o que penso. Ao final é un reto individual tamén".

Borja asegura saber que conta "coa confianza do Club, teño o respaldo da entidade e do míster. Iso éncheme. E é o que me fai seguir adiante. Non quita que todos queremos xogar o máximo posible. Sei que é difícil e vou loitar por darlle a volta".

Despois de xogar no Deportivo en banda, en punta e ata de lateral, non cre que esta polivalencia sexa un hándicap para el: "Foi así sempre e cheguei onde estou a ser así. Non creo que me prexudique. Creo que me beneficia. Hai un persoal moi competitivo e é moi difícil xogar de titular. En absoluto creo que me prexudique".

Advirte que "non é o momento de pensar" no mercado de inverno. "Nin se me pasa pola cabeza nin creo que sexa o correcto aínda", recalca rotundamente Borja Valle.

Iso si, non nega que despois da continuidade que gozou en pretemporada, "esperaba máis minutos, tamén o esperaba o ano pasado. Espéroo sempre. Traballo día a día para iso. Non me conformo con xogar 20 partidos, nin 25, nin 30. Quero xogar o máximo. Son o primeiro fodido, o primeiro que o sofre cando non vou convocado, cando non xogo. É igual con todos os meus compañeiros".

Entende pois que o traballo de Pepe Mel "non é fácil" porque "el é o que decide". "Hai que tentar darlle a volta a iso e tentar ter máis protagonismo", engade.

Cualifica de "paso moi importante" o triunfo do pasado sábado ante o Getafe: "Sobre todo para quitarte un peso de encima. Chegabamos moi presionados polo inicio non tan bo. Ao final gañar era algo obrigatorio, necesario. É certo que agora tes que reafirmar iso en Eibar, sacar algo bo en Eibar daríanos moitas ás para seguir escalando".

Prefire non falar de partidos "alcanzables", con Eibar, Girona e Las Palmas no horizonte inmediato: "Sabemos como é a Primeira División, sabemos que somos capaces de perder contra un de abaixo e gañar contra un de arriba. Se puntuásemos neste tres partidos, se o fas ben, vai marcar un pouco o devir desta primeira volta".

Conta vivir a semana previa ante o Getafe consciente de que "era unha semana difícil, unha semana con máis presión igual que outras. Ao final era obrigatorio e necesario gañar. Xa non puntuar, senón gañar. Tes que gañar por obrigación. Ao final o míster está aquí para sacar o máximo rendemento de todos e para sacar este Deportivo adiante. É o máximo responsable porque é o que dirixe esta banda. Sei que foi unha semana difícil para el, pero tamén o foi para nós. Con sorte saíu ben, seguimos adiante, e agora pensamos en Eibar".