RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Adrián: "Se somos capaces de defender ben, imos ter as nosas opcións"

Adrián López manifestou esta mañá na sala de prensa de Abegondo que este domingo 17 de decembro no Camp Nou (20:45 horas, Movistar Partidazo), "se somos capaces de defender ben, imos ter as nosas opcións de poder facerlles dano".

Subliña o atacante deportivista que esas opcións do Dépor de traerse algo positivo "son reais, claro que son reais. Está claro que se pode. Temos que facer todo o posible para tentar logralo. Logo está claro que é difícil".

Confesa que "se teñen que xuntar varias cousas para poder sacar algo positivo. Tes que facer un partido perfecto, eles igual non ter o seu mellor día. Sabes que vas a un sitio que é complicado sacar algo".

Ve ao vestiario "con ilusión, con ganas de ir alí a competir ben o partido e tentar sacar algo. Nós temos ilusión e ganas en competir ben e tentar facer un bo partido alí".

Preguntado pola sociedade Adrián-Çolak-Carles Gil, sostén que "aquí todos os xogadores somos importantes. Çolak é un máis, pero igual que Çolak hai máis compañeiros. Ao final aquí somos todos un equipo, non hai que pensar nun tridente, nunha dupla. Aquí somos un equipo e o que estea no campo ten que dar o cento por cento para o ben do equipo".

A nivel persoal, cre que ten que "seguir mellorando cada día porque aínda podo estar a mellor nivel. E iso é o que queremos todos, dar o noso mellor rendemento para ben do equipo. Oxalá que podamos seguir dándolle alegrías a nosa afección e que sigan pensando ben de nós".

Garda gratos recordos do Camp Nou, posto que alí, fai once anos, estreouse como goleador no Dépor e en Primeira División: "Foi un balón longo que disputei de cabeza con Puyol. Quedou por alí o rexeite e segundo caemos os dous reaccionamos a polo balón. Eu cheguei un pouco antes e puiden chegar até a portería. El viña toda a carreira detrás de min. Unha vez que entrei na área non podía meter moito o pé por se me facía penalti. Estaba a saírme Valdés, piseina un pouco e piqueilla un pouco. Tiven un pouco de fortuna porque lle pasa entre as mans. Igual que lle pasou por aí podía parala. Foi un gol bonito, si", rememora.