RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Álex Bergantiños: "Cando perdes pouco é importante reaccionar ben ao partido seguinte"

Após a volta ao traballo co novo ano, un dos capitáns coruñeses do equipo, Álex Bergantiños, tomou a palabra en sala de prensa de Abegondo en vésperas do partido contra o CD Lugo. A sensación na volta ao traballo é a de que están "a preparar fisicamente o corpo despois desta semana sen adestramentos no campo, si con traballo específico e ultimando a adaptación porque as dobres sesións fanse un pouco duras pero son necesarias para adaptar o corpo".

Co CD Lugo no horizonte e o partido de Cádiz no retrovisor, comezou o tempo de análise: "hoxe xa comentamos cousas xenéricas, veremos algún detalle máis en vídeo como facemos sempre e aínda que pasaron máis días do habitual é o último partido e sempre o tes en mente como o próximo. Unha vitoria daría un pouco máis de pouso e reforzaría ao equipo para reaccionar despois dunha derrota porque só levamos dúas en todo o ano e sí que é certo que cando perdes pouco é importante reaccionar ben ao partido seguinte, como o fixemos ao empate do Numancia en casa, polo que é importante sacar o partido para seguir confirmándonos e non xerar ningún tipo de dúbida despois dunha derrota como a de Cádiz".

Sobre o próximo rival do domingo ás 17:30 en Abanca-Riazor, Álex falou de "un equipo que coñece moi ben a categoría, con xente que leva bastante tempo competindo ben en segunda aínda que un pouco irregular. Na liña dos rivais que veñen aquí, con pouco que perder e a tentar facer o seu partido. Os rivais veñen coa idea de pelexar o partido e pouco que perder e iso fainos perigosos".

A nivel persoal, pensando no ano que comeza, Bergantiños espera manterse "na liña de sempre, tentando traballar e sabendo que todos somos igual de válidos para poder entrar ou saír en calquera momento, preparándome o mellor posible para achegar todo o que poida e estar preparado cando toque xogar. Sí que tiven a sorte de poder xogar bastante neste primeiro tramo pero no cadro somos conscientes que iso en calquera momento pode cambiar e non hai que relaxarse en ningún momento".

Preguntado sobre a resolución dun campionato que alcanza o seu ecuador, teno claro: "creo que o ascenso directo vai estar en ter 5 derrotas aproximadamente e isto é un maratón de 42 partidos. Agora mesmo hai un pelotón de 8 equipos pero é unha competición de desgaste e o importante é manter este ritmo de puntuación porque vai ser difícil que todos os equipos na segunda volta o manteñan, os equipos de abaixo refórzanse e suman máis nas segundas voltas, polo que estamos nunha media boa para conseguilo. Gañar máis fóra de casa sería dar un salto máis pero tamén manter o que estamos a facer en Abanca-Riazor, que non é fácil. En xeral todos os equipos da categoría suman menos fóra de casa. Estamos no media pero sí, como desexo, seria sumar máis vitorias fóra que che farían destacarte".

O sábado, Álex verase as caras co seu excompañero e amigo Carlos Pita. "Normalmente non falas moito antes de xogar, si o facemos de temas máis persoais, pero está claro que teño unha relación especial porque compartimos aquí a nosa formación no Fabril e somos bos amigos. Cada un neste mundo vai collendo o seu camiño e el tamén tivo que saír pero sempre estivo claro que tiña un gran nivel, aquí chegou a debutar en Champions e ao final dependes tamén da sorte, as circunstancias e os momentos puntuais para dar o salto nun sitio ou outro, pero que tiña condicións dabondo para o fútbol profesional estaba claro. O seu esforzo e traballo levárono a facer carreira no Lugo, onde está moi contento e é moi respectado e dando un nivel moi alto".

Por último, sobre o seu futuro máis aló do 30 de xuño reiterou o seu discurso de toda a temporada: "os temas persoais non se lles deben dar importancia. Hai condicións pero o obxectivo desde que cheguei é ir pensando a final de cada temporada se sigo sendo útil ou non, non me vexo deixando de xogar porque penso que me quedan anos de fútbol e véxome con forzas e se me vexo útil e o club quere contar comigo non hai problema en deixalo redactado, pero non penso máis aló que render ben cada temporada e achegar todo o que poida ao equipo da miña cidade".