RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Álex Bergantiños vaticina un Dépor "máis versátil que outros anos, que saiba competir en diferentes escenarios"

O capitán Álex Bergantiños atendeu aos medios de comunicación na súa primeira rolda de prensa deste novo curso, a poucos días de arrancar a competición ante o RC Celta B, o domingo 29 de agosto en ABANCA-RIAZOR (21:30, Footters).

O futbolista coruñés mostrouse "con moitas ganas de empezar unha nova temporada, que esperemos sexa da volta á normalidade, con público, cun formato tradicional de competición e cun aliciente maior que é xogar en ABANCA-RIAZOR e ante o rival que temos".

Entende que o choque ante os célticos vai ser "especial, con moitos compañeiros novos debutando en ABANCA-RIAZOR e con moitas ganas de tentar empezar con bo pé e coller confianza para o que nos espera".

Coa presenza de varios canteiráns nos adestramentos diarios do que foi a pretemporada e nos partidos amigables, opina que "teñen un gran nivel. Están a demostrar que poden achegar desde xa. E logo cada un seguirá o seu ritmo. É moi individual o rendemento e a evolución de cada un. Teñen nivel dabondo para estar connosco. Xa están como un máis en adestramentos".

Nesta liña, destaca que "hai unha fornada interesante de mozos que poden achegar nos próximos anos. Oxalá se vaian asentando e dando o nivel que teñen agora mesmo de expectativa e potencial".

Doutra banda, cre que o cadro "é dun perfil diferente, non tan rechamante como outros anos pero a situación tamén é diferente totalmente ao que se viviu nos últimos anos. Estamos no terceiro nivel do fútbol español. Viñeron xogadores con potencial de crecer, con experiencia nesta categoría. O formato de cadro é interesante. Logo hai que ver como responde o xogador ante a esixencia que ten un Dépor nesta categoría e ver o nivel que van dando. E a xente que ten potencial que vaia crecendo. É a aposta principal. Teño ilusión niso e creo que podemos facer un ano interesante sempre cos altibaixos lóxicos que imos ter, e coa esixencia que imos ter aquí de loitar o ascenso en todo momento".

Precisamente Álex mantén que "o obxectivo ten que ser o ascenso. O era o ano pasado tamén. É moi importante para o Club volver ao fútbol profesional canto antes pero estou seguro que hai moitos equipos que teñen tamén este obxectivo: cidades importantes, equipos con historia, aínda que non con tanta como a que temos aquí. Hai que vivir o presente, a realidade que temos agora. Desde a tranquilidade o obxectivo é ascender, vai haber máis equipos na pelexa seguro e que aprendemos do vivido o ano pasado, da ansiedade coa que se viviu todo. Estivemos preto de baixar máis categorías mesmo. Foi todo demasiado tremendo. É parte do fútbol. Se ganas un partido parece que vas a ascencer e se perdes dous parece que todo se acaba. Hai formato tradicional, vai haber momentos de xeiras boas, de xeiras malas. Hai que esixir ao equipo que estea arriba e que pelexe ao máximo por ascender porque vai ser dos mellores cadros da categoría. Logo depende de nós estar ao nivel e dos pequenos detalles que poidan marcar as poucas diferenzas que poida haber de puntuación entre os equipos que estean arriba".

Sobre Borja Jiménez, o mediocentro coruñés indicou que "é un adestrador con experiencia na categoría. Imos ver un equipo máis versátil que outros anos, que se poida adaptar a distintos rexistros, que saiba competir en diferentes escenarios. Importantísimo en todas as categorías pero se cabe nunha categoría igualada como esta é máis importante aínda. Defensivamente o equipo non creo que sexa fráxil".