RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Álex confesa que Pepe Mel, tras a derrota, lanzou ao cadro "unha mensaxe de ánimo e unidade"

Álex Bergantiños confesou esta mañá na sala de prensa de Abegondo que Pepe Mel, técnico deportivista, transmitiulles, tras a derrota de onte en Riazor ante o Espanyol, "unha mensaxe de ánimo e unidade. Estaba contento como se repuxo o equipo na segunda parte, nunha situación complicada, cun 0-2. O equipo reaccionou ben, a xente que entrou desde o banco entrou moi enchufada, os que non xogaron estaban no banco empuxando e apoiando ao equipo en todo momento."

O capitán deportivista insiste en que o técnico "nos pediu que nos unamos para este final de liga. Quedan 12 días de competición e hai que arrimar o ombreiro todos para sacar adiante isto. Que teñamos confianza en nós mesmos, que non nos deixemos caer por ese pesimismo, esa negatividade á que che levan as malas dinámicas que temos agora. E que lembremos os bos momentos da temporada, das boas dinámicas que tivemos, para ter esas sensacións, que é o máis importante agora mesmo".

A xuízo do mediocentro coruñés, o aspecto mental ten unha gran importancia nesta recta final do campionato: "Que o equipo salga forte e non acuse os golpes que se vaian dando durante os partidos".

Neste sentido, pide para este domingo 14 de maio en Vilarreal (20:00 horas), "preparalo ben, unirnos para facer un bo partido alí e tentar sacar algo". "

Iso si, eloxia ao conxunto castellonenco: "Ten moi boa posesión, encaixa moi poucos goles. Sabemos que é un campo moi complicado. Vai haber que traballar ben".

Reflexiona sobre a temporada que está a piques de rematar: "O Club e o equipo tamén temos que ser o que somos. Vimos duns anos de dous ascensos consecutivos despois de dous descensos. Unha débeda impresionante que estamos a tentar emendar. Está claro que estamos no furgón de cola da liga. ¿Se cadra podiamos estar sextos ou sétimos pola cola e ter estas dúas últimas xornadas tranquilas? Pois posiblemente se fixésemos mellor as cousas".

Apunta Álex que "é frustrante non estar mellor porque había capacidade para non chegar a este límite. Pero ao final hai que ser conscientes do que somos. A todos os deportivistas gustaríanos crecer máis rápido e volver estar máis arriba como hai anos, pero leva o seu tempo. Nese aspecto hai que analizar as cousas que se fan mal durante as temporadas, pero ter unha visión de medio prazo para tentar que os pasos sexan os correctos para ir dando saltos na clasificación aos poucos".

Sobre o cadro, o capitán deportivista mostrouse autocrítico: "Os máximos responsables sempre imos ser os xogadores, que somos os que saímos ao campo. Non estamos a cumprir as expectativas que se xeraron en torno a este cadro xa sexa por condición individual ou colectiva. Non estamos ao nivel que se nos marcou. E iso hai que recoñecelo. Estamos metidos na pelexa ata o final e hai que asumilo".

Do partido de onte ante o Espanyol, lembra Álex que "fixo tres tiros a porta e fíxonos dous goles. Quizais demos máis sensación de fraxilidade que a que realmente temos. Un pouco pola situación na que estamos. Animicamente o equipo necesita un plus para recuperar esas boas sensacións que tivo noutros momentos da temporada".