RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Álex cre que o equipo "está a demostrar saber competir" e Villares di que "é unha pasada" ABANCA-RIAZOR

O capitán Álex Bergantiños e Diego Villares atenderon aos medios de comunicación na sala de prensa de ABANCA-RIAZOR.

De Álex acababa de falar Borja Jiménez en rolda de prensa, quen afirmou que "é un xogador cunha comprensión do xogo moi alta, preocúpase por entender o xogo. Non sei cal será o seu futuro cando decida non xogar pero está claro que detecta situacións que se producen no campo, téndoo a el á parte de ter ao capitán no campo temos un xogador que con darlle unha orde podemos adaptarnos a moitas estruturas diferentes no xogo. É unha persoa estupenda, un gran capitán que lle encanta o fútbol e preocúpase por entender o que pasa no xogo".

O futbolista coruñés márchase de ABANCA-RIAZOR "contento" dada a dificultade do rival, o CD Badajoz: "Foi un partido máis espeso pola nosa banda con balón que os partidos anteriores pero o equipo está a saberse adaptar a distintos escenarios. Competimos ben, vímonos co marcador de cara. Despois faltounos un pouco máis de paciencia e tranquilidade nalgunha transición para poder facer algunha ocasión máis de perigo. Salvo unha acción illada que salva Ian o partido estivo controlado. Igualado pero controlado pola nosa banda".

Opina Álex que estas catro vitorias consecutivas con dez goles a favor e ningún en contra "son cifras difíciles de conseguir en calquera categoría. Estamos a vivir o día a día. O equipo está a demostrar saber competir ben, non encaixamos gol aínda. Todo o cadro está moi involucrado, que é o máis importante cando constrúes despois de tantos cambios que tivemos esta temporada. Mellor imposible a adaptación de toda a xente nova. Están moi implicados, estamos a recuperar ABANCA-RIAZOR tamén coa ambientación que temos, que tamén é algo que se botaba moito de menos. Son todo boas novas, sabendo que que isto é longo, que haberá momentos peores, pero que hai que gozar e tentar alargar o máximo posible este momento".

Preguntado por #ANOSAFORZA, o mediocentro deportivista cre que "hoxe foi o máis parecido a antes de... porque houbo momentos na segunda parte que estivemos máis replegados. O CD Badajoz tiña máis o balón, metéronnos algún centro perigoso. #ANOSAFORZA empezou a ruxir, soubo tamén interpretar o que necesitaba o equipo e dános un plus sempre. Hoxe era co resultado a favor, pero en partidos que se nos torzan vai ser un plus. Non hai ninguén que poida estar a un nivel similar en canto a Estadio e afección nesta categoría. Temos que aproveitar este privilexio, este factor ao noso favor. Oxalá podamos seguir sendo fortes en ABANCA-RIAZOR e apoiados como estamos por #ANOSAFORZA, que se segue involucrando e que se nota que está con ganas de fútbol.

Pola súa banda, Diego Villares queda con "esas ganas do equipo de seguir sumando de tres".

Lateral dereito esta tarde, desvela o futbolista galego falar con Borja Jiménez sobre esta circunstancia: "Está claro que non me sinto igual de cómodo que no medio, pero eu encantado de xogar os máximos minutos posibles sexa na posición que sexa".

Sobre o ambiente vivido esta tarde en ABANCA-RIAZOR, Villares cre que "é unha pasada xogar diante de tanta xente e nun estadio como este; e máis para un rapaz como eu que non estaba afeito para nada".

Finalmente, confesa que é "unha gozada" estar co Dépor no máis alto da táboa no grupo 1º de Primera RFEF: "Esperamos seguir aí arriba e gañando partidos".