RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Álex, tranquilo porque "o equipo é fiable, é o que menos encontros perdeu e estamos sempre preto nos partidos"

Álex Bergantiños manifestou esta mañá na sala de prensa de Abegondo que o campionato ligueiro "entra no tramo decisivo, os últimos 10 partidos. A tentar que nesta carreira de fondo que é a Segunda, nós podamos tirar desa amplitude de cadro que temos para poder facer un esprint final bo".

Recoñece o capitán deportivista que neste mes de marzo recentemente concluído "xerouse unha expectativa demasiado grande con gañar todo en ABANCA-RIAZOR. Fóisenos algún partido por detalles. Ao final está claro que o equipo perdeu un pouco de confianza. Tivemos algunhas dúbidas nos partidos en casa".

Conclúe o mediocentro coruñés que son "ciclos que hai durante a temporada. Igual que ao principio en ABANCA-RIAZOR eramos intratables, agora tivemos este tramo de baixón. A tentar non darlle máis voltas, centrarnos na semana que temos, en volver gañar en casa que é fundamental".

Cualifica o partido deste sábado 6 de abril (16:00 horas, LaLiga 1|2|3 TV) ante o Rayo Majadahonda en ABANCA-RIAZOR como "importantísimo para cambiar esa dinámica, cambiar de mes, de mentalidade, de sensacións negativas que tivemos os ultimos partidos en casa".

En canto ao partido do pasado domingo no Carlos Tartiere de Oviedo, viu Álex ao equipo "máis fresco no sentido de xogar máis sinxelo, de ter máis apoios próximos. Cando recuperabamos estabamos máis cómodos á hora de atoparnos preto. Faltounos un pelín máis de profundidade nalgún momento, ante un rival e un campo complicados. Eles xogan moito coa segunda xogada, cos duelos físicos e moitas veces é difícil ter continuidade neste tipo de partidos. O equipo competiu ben. Igualou ao Oviedo en todos os duelos".

Subliña o centrocampista branquiazul que "o que máis falta fai é unha vitoria. O equipo necesita atoparse cun marcador favorable. O outro día o Oviedo na primeira acción, a única que fai na primeira parte, adiántasenos. Tamén fomos fortes mentalmente á hora de recuperar o partido despois do mes negativo que levabamos. Necesitamos o típico partido que entras ao campo e nun córner, nunha primeira acción veste por diante. Iso faría liberar moito máis a cabeza de todos os xogadores e daríanos a serenidade que perdemos neste tramo de competición".

Nesta liña, insiste en que ao equipo fáltalle "enlazar un par de resultados positivos porque temos a capacidade suficiente para facelo. Neses partidos que estiveron igualados, que se puideron decidir con algún detalle, faltounos ese puntiño de acerto nos momentos puntuais para conseguir algunha vitoria máis e sacarnos dese bucle de empates no que nos metemos".

En opinión de Álex sobre a traxectoria do Dépor na temporada, "a media de empates que levamos é superior ao que nos gustaría. En canto a derrotas estamos nos números que hai que facer. Cambiar 2 empates por vitorias e estariamos en ascenso directo. De aquí ao final temos que subir esa media de vitorias. Dáme tranquilidade que o equipo é fiable, que é o equipo que menos partidos perdeu da categoría e que estamos sempre preto nos partidos. Temos que dar un pasiño máis, sacar máis vitorias que as que facemos de media de aquí ao final".

Por esta razón, coa categoría tan igualada e con tantos equipos nun pano, pide neste esprint último "subir un pouco os nosos números. Para iso confío na amplitude de cadro e que cheguemos máis frescos que os demais ao final para neste tramo de 10 partidos subir a media e sacar máis puntos dos que fixemos até agora".

Con ampla experiencia en Segunda División, cre que é a categoría "máis igualada do mundo polo nivel e estrutura dos equipos que hai; polas diferenzas escasas en proporción con outras categorías en canto a orzamento. É o que se vive sempre nos últimos anos. Hai poucas diferenzas. Calquera equipo de abaixo pode gañar a calquera de arriba. Os partidos son moi igualados sempre. Defínense por pequenos detalles. O que nos pode dar ese plus a nós é que somos un equipo fiable, que nos partidos sempre compite. Xeramos sempre máis opcións que o rival".