RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Álex ve a un Dépor "máis seguro, máis fiable" e Luis Ruiz sostén que "este é o camiño"

Álex Bergantiños e Luis Ruiz pasaron pola zona mixta do Estadio Anxo Carro de Lugo.

O capitán deportivista subliñou que "parece que o equipo está a ser máis fiable pero falta a pausa arriba para facer gol. Tivemos 2 ou 3 claras, boas opcións de crear ocasións pero temos moita precipitación nos últimos tres cuartos. E iso fai que teñamos moitas perdas e que non acabamos xerando esas opcións. Polo menos o equipo está máis seguro, máis fiable. É unha maneira de poñer cimentos para crecer. A ver se conseguimos ter esa pausa arriba para facer algún gol".

Iso si, Álex lembra, a pesar do empate en Lugo, que a situación "segue sendo límite, pechacancelas, 12 puntos. Hai que sumar moito. Pero si é certo que para saír destas situacións o primeiro é crecer desde atrás. Estes dous últimos partidos o equipo está a ser moito máis fiable, máis seguro. Con balón estamos máis cómodos e estanos faltando ese último cuarto de campo ter esa tranquilidade para xerar máis opcións e acertar nalgunhas das que teñamos. Tivemos 2 ou 3 claras hoxe que non fomos capaces de meter. Eses detalles son os que marcan os partidos".

Nesta liña, cre que "estamos máis conectados á hora de defender todas as liñas, o equipo está máis solidario, e iso fai que concedamos moito menos aos rivais. É a maneira de saír de aí".

Pide Álex ao vestiario "tentar mirar a clasificación o menos posible e sumar. En Segunda sempre fan falta 48 ou 50 puntos para salvarse. Non vai ser diferente este ano. Temos que centrarnos en mellorar o día a día, tentar gañar ao Zaragoza que vén o domingo. O único que podemos facer é seguir esforzándonos e traballando para mellorar as carencias que mostramos nos partidos. Concedemos menos cada vez pero o equipo ten que dar máis en ataque para gañar partidos".

O partido, segundo o centrocampista branquiazul, foi "igualado en canto a ocasións. Eles tiveron unha clara ao principio e logo algún balón parado. Nós tamén tivemos 1 de Koné, 2 de Víctor (Mollejo) bastante claras. É un partido igualado e non sentín o abafo de ser dominado fóra de casa. Quedounos a pena de que en transicións puidemos xerar máis perigo porque colliamos ao rival aberto. Cun pouco máis de paciencia ou tranquilidade para decidir mellor poderiamos facer unha ocasión máis clara".

Pola súa banda, Luis Ruiz, exfutbolista do CD Lugo, apreciou un choque "disputado, moi bonito. Houbo ocasións para os dous. Ao final, punto bo".

Iso si, recoñece que "o lunar que temos é que seguimos sen gañar. Pero hai moitas cousas positivas que se poden sacar. Este é o camiño. Desde o xogo que estamos a facer, está todo o mundo implicado, portería a cero e seguimos para adiante".

Conta que o partido ante o Alcorcón foi "un punto de inflexión. Este é o camiño. Temos que facer borrón e conta nova dos 16 partidos anteriores e mentalizarnos neste novo comezo. Só mirar para adiante e pensar en positivo".

Luis Ruiz opina que a vitoria "está máis preto que o día do Extremadura. O final achégase e están máis preto os 3 puntos". "Hai que afrontar a situación na que estamos, mirar para adiante. Só pensar en traballar, en seguir mellorando, en incidir no que estamos a facer ben, en mellorar as cousas que estamos a facer mal de cara ao gol", conclúe o defensor branquiazul.