RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Andone: "Hai que remar e estar unidos para sacar isto adiante"

Florin Andone, goleador o pasado sábado ante o Levante UD, compareceu esta mañá ante os medios informativos na sala de prensa de Abegondo.

O dianteiro deportivista valorou en primeiro lugar a incorporación ao Deportivo de Michael Krohn-Dehli: "Acollerémolo o mellor posible. Esperemos que nos axude, que se involucre ao 100% porque necesitamos que veña con toda a ilusión do mundo, que nos achegue a súa experiencia, o seu graniño de area. Esperemos que todos xuntos saquemos isto adiante".

Do partido da pasada fin de semana, explica que "traballamos moitísimo, corremos moito. A pesar de ir cun menos durante 60 minutos, o equipo demostrou moito valor, moita coraxe, traballamos ben. Estivemos a dalo todo. Ao final escapóusenos un pouquiño a concentración ou dous detalles que fallamos. Escapáronsenos os 3 puntos. En liñas xerais, e analizándoo máis en frío, o equipo deuno todo, sacrificouse moitísimo. Tentamos sacar os 3 puntos pero non foi posible".

Queda con que "o equipo estivo moi correcto, moi traballador, axudamos en todo momento ao compañeiro. Foi unha pena que os últimos 10 minutos escapásesenos o partido. Pero dos erros apréndese".

Apunta que após este novo pau, "hai que seguir, hai que remar e hai que estar unidos para sacar isto adiante". "Somos os primeiros nós en querer sacar os 3 puntos e en sacar isto adiante polo ben das nosas familias, dos nosos amigos, de nós mesmos. Ao final estamos xuntos metidos nisto. Temos que tentar remar todos", engade.

Asegura que "temos claro ao que xogamos. Somos un equipo que cando estamos ben xuntos, ben replegados... Ao final en Primeira División son poucos os equipos que xogan abertos. Os demais teñen que estar traballados tácticamente e o noso equipo está moi ben traballado".

Fixo Florin Andone un chamamento á unidade: "Temos que estar todos unidos, temos que tentar sacar isto como sexa. Facer borrón e conta nova, pensar en positivo e que esteamos comprometidos todos, a unha. E a afección para min é moi importante. Nunca nos deixaron de apoiar, de querer a pesar dos malos resultados. Desgraciadamente está afeita a sufrir connosco pero estou seguro de que grazas ao seu alento e ao compromiso de todos os meus compañeiros, ímolo a sacar. Ímolo a sacar segurísimo. Só pido que esteamos unidos e que se apoie ao equipo como vén facendo en toda a temporada".

Ve a Cristóbal Parralo como un adestrador "coas ideas moi claras. É un adestrador con moitísima personalidade. Pódoche asegurar que ten bo fondo, é unha boa persoa. El é o primeiro que quere sacar isto adiante, porque ao final el só mira polo ben do equipo. Dá igual se xoga un ou outro. Nós somos tantos que dá igual se metes a uns ou outros, sempre vai haber enfados, desgustos porque todo o mundo quere xogar e non podes compracer a 25 xogadores. Ilusión non lle falta, traballo non lle falta e ao final vai ter o seu premio e a tranquilidade que necesita porque é un adestrador que o dá todo todos os días, transmítenos moita confianza. Tenta quedar el coa presión para que esteamos máis tranquilos".

Lembra que tamén esta campaña a nivel persoal pasou malos momentos, e mesmo chegou a verse fóra do Deportivo: "Estaba nun momento onde non me sentía feliz, onde non estaba a xogar. O Brighton estivo interesado desde o verán. Non deixamos nunca de ter contacto. Eu persoalmente non porque non falo con ninguén. Era un equipo que estaba moi ilusionado coa miña chegada. No verán non se puido facer polas circunstancias que pasaron. No inverno volveron poxar moi forte pero é verdade que hai unha persoa que en todo momento confiou 100 % en min e espero que o siga facendo, e é o Presidente. Nunca estivo aberto á miña saída e sempre se negou a todo tipo de ofertas que chegaron. É de agradecer que unha persoa que ademais do seu cargo quérate tanto e valórete tanto. O único que podo agradecer é a súa confianza e que o darei todo para o mellor do Deportivo".