RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

#ANosaHistoria: A Liga branquiazul cumpre 20 anos

O deportivismo celebra hoxe o 20º aniversario do maior fito da súa historia e do fútbol galego, a conquista do Campionato Nacional de Liga de Primeira División da Temporada 1999-2000.

Tralo subcampeonato de 1950, cuxo 70º aniversario celebramos recentemente, e quedar a 11 metros do título en 1994, chegaba a hora de celebrar o título de Liga na Coruña.

A temporada iniciábase con numerosos movementos nun cadro de case 40 futbolistas e que estaba en mans de Javier Irureta por segundo curso consecutivo. Nove futbolistas foron traspasados no verán de 1999, entre eles o brasileiro Luizão (ao SC Corinthians), os franceses Bonnissel e Ziani (ambos os dous ao Girondins de Bordeus) ou Javier Manjarín (Real Racing Club), ademais de concretarse nada menos que 14 cesións, aínda que dúas delas, as de David Pirri (UD Las Palmas) e José Manuel (SD Compostela), no mercado invernal.

No capítulo de incorporacións hai que apuntar a chegada do holandés Roy Makaay e o serbio Slavisa Jokanović, procedentes do descendido CD Tenerife, Víctor (Real Racing Club), Jaime (Real Madrid), Fernando (Real Betis), César e Manel (Real Oviedo) e Iván Pérez (Girondins de Bordeus). Tamén se realizaron outras fichaxes no marco dun traspaso múltiple co conxunto 'chicharrero' e o CP Mérida, bautizado polo presidente Augusto César Lendoiro como 'Operación Avecilla'. Naquel cruzamento de contratacións e préstamos tamén estiveron implicados Óscar Montalbán 'Rubio', Aira, o brasileiro Barata ou David Pirri.

A campaña arrancou da mellor maneira posible, co equipo levantándose ao liderado grazas a un triunfo por 4-1 ao Alavés. No seu debut oficial coa camiseta deportivista, Makaay asinou un hat-trick.

O conxunto herculino despegou definitivamente na 10ª xornada. O Deportivo iniciou, superando ao FC Barcelona (2-1), unha xeira de 7 vitorias consecutivas que o disparou na táboa clasificatoria. En metade desa serie, após gañar 5-2 ao Sevilla FC na 12ª xornada –nun choque que Flávio Conceição acabou baixo paus por expulsión de Songo'o–, levantouse a un liderado que xa non volvería soltar.

O Dépor alcanzou o seu segundo campionato de inverno a pesar de pechar a primeira volta cunha sonora derrota ante o Racing (0-3) e empatando sen goles ante o RCD Espanyol en Barcelona. O inicio da segunda volta trouxo unha nefasta serie fóra de casa, con cinco derrotas nos cinco primeiros encontros a domicilio, ante Alavés, Real Valladolid, CD Numancia –partido lembrado polo gol inxustamente anulado a Songo'o que suporía o empate no tempo engadido–, Málaga CF e FC Barcelona.

Precisamente neste último encontro, correspondente á 29ª xornada, o FC Barcelona colocouse a só 2 puntos após vencer no Camp Nou aos coruñeses (2-1). Con todo, os pupilos de Irureta aguantaron a presión azulgrana nas dúas xornadas seguintes, respondendo as vitorias barcelonistas en Málaga CF (1-2) e fronte ao Valencia CF (3-0) con triunfos por 3-1 contra o Real Oviedo e por 1-3 ante o Sevilla FC no Pizjuán. Na 32ª xornada, o equipo herculino goleou ao Atlético (4-1) no único partido adiantado ao sábado. Ao Barça púidolle a presión o domingo, cando foi vapuleado polo RCD Mallorca no seu propio estadio (0-3).

Eses 5 puntos de vantaxe xa serían insalvables para todos os perseguidores. A pesar das derrotas en Vallecas (2-0) e en Balaídos ante un Celta (2-1) que xogou con 10 homes desde o minuto 12 por expulsión de Juanfran. E pese ao empate en Riazor fronte ao Real Zaragoza (2-2) nun partido que parecía sentenciar o campionato o momentáneo 2-1, obra de Djalminha, cuxa celebración quitándose a camiseta custoulle o segundo cartón amarelo. Co Zaragoza envorcado, Aguado empatou nos últimos minutos.

Con 6 puntos por xogar, o Dépor avantaxaba en 3 aos azulgrana, segundos na táboa. Na penúltima, os dous aspirantes empataron sen goles fóra de casa. Os coruñeses, en Santander. Os cataláns, en San Sebastián.

Un empate era suficiente para que o soño fixésese realidade o 19 de maio de 2000. Os goles de Donato e Makaay antes do descanso non deixaron lugar a dúbidas, aínda que non farían falta debido ao empate no Camp Nou do RC Celta (2-2), que se xogaba a súa clasificación para a Copa da UEFA.

O Deportivo conquistou a liga máis igualada da historia, como testemuñan os 69 puntos e 11 derrotas que subiron ao marcador coruñés e os 27 puntos de distancia entre o campión e o primeiro descendido, o Real Betis. Os branquiazuis basearon o seu éxito nun excelente rendemento en Riazor, onde só CD Numancia, Real Racing Club e Real Zaragoza foron capaces de puntuar e os branquiazuis sumaron nada menos que 49 dos 57 puntos en xogo. O rendemento baixou ostensiblemente fóra de casa, onde o Dépor perdeu a metade dos partidos (9) e sumou 20 puntos. Roy Makaay estreouse con 22 goles, que o converteron no cuarto máximo anotador do campionato. Djalminha anotou 10 goles e deu 8 asistencias. E Manuel Pablo revelouse como indiscutible lateral dereito, desde onde serviu 5 pases de gol.

Clica aquí para ver fotografías daquela histórica temporada na web ReCorDos

Os xogadores que compuñan o cadro deportivista durante aquela campaña eran os seguintes:

Porteiros: Songo'o (36 partidos-41 goles encaixados), Kouba (2-3) e Dani Mallo (0)
Defensas: Manuel Pablo (37), Romero (34-1 gol), Donato (29-3), Naybet (25), Schürrer (19), Scaloni (14), César (11-1), Manel (6), Ramis (3) e Hélder (0, cedido ao Newcastle United no inverno)
Centrocampistas: Víctor (37-4), Mauro Silva (33), Djalminha (31-10), Flávio Conceição (27-4 goles-1 gol encaixado), Jokanović (23-2), Fran (22-1), Jaime (21), Fernando (19), José Ramón (0) e José Manuel (0, cedido ao Compostela en xaneiro)
Dianteiros: Makaay (36-22), Turu Flores (34-8), Pauleta (30-8), Iván Pérez (3) e Bassir (0)

Estes foron todos os resultados do equipo branquiazul na liga:

Deportivo 4 (Makaay -3- e Djalminha) - Alavés 1
Betis 0 - Deportivo 0
Deportivo 2 (Makaay e Djalminha de penalti) - Valladolid 0
Real Madrid 1 - Deportivo 1 (Djalminha)
Deportivo 0 - Numancia 2
Athletic Club 2 - Deportivo 3 (Pauleta, Flávio Conceição e Víctor)
Mallorca 2 - Deportivo 2 (Pauleta -2-)
Deportivo 4 (Donato, Djalminha -2- e Víctor) - Málaga 1
Valencia 2 - Deportivo 0
Deportivo 2 (Makaay -2-) - Barcelona 1
Oviedo 0 - Deportivo 1 (Djalminha de penalti)
Deportivo 5 (Djalminha, Pauleta -3, 1 de penalti– e Romero) - Sevilla 2
Atlético de Madrid 1 - Deportivo 3 (Makaay -2- e Víctor)
Deportivo 3 (Makaay, Turu Flores e Pauleta) - Rayo Vallecano 2
Real Sociedad 0 - Deportivo 1 (José Félix Guerrero en propia meta)
Deportivo 1 (Turu Flores) - Celta 0
Zaragoza 2 - Deportivo 1 (Turu Flores)
Deportivo 0 - Real Racing Club 3
Espanyol 0 - Deportivo 0
Alavés 2 - Deportivo 1 (Makaay)
Deportivo 2 (Pauleta e Makaay) - Betis 0
Valladolid 4 - Deportivo 1 (Turu Flores de penalti)
Deportivo 5 (Makaay, Djalminha, Víctor e Turu Flores -2-) - Real Madrid 2
Numancia 1 - Deportivo 0
Deportivo 2 (Flávio Conceição e Patxi Ferreira en propia meta) - Athletic Club 0
Deportivo 2 (Makaay e Djalminha) - Mallorca 1
Málaga 1 - Deportivo 0
Deportivo 2 (Fran e Flávio Conceição) - Valencia 0
Barcelona 2 - Deportivo 1 (Flávio Conceição)
Deportivo 3 (Makaay -2- e Donato) - Oviedo 1
Sevilla 1 - Deportivo 3 (Jokanović -2- e Makaay)
Deportivo 4 (Turu Flores e Makaay -3-) - Atlético de Madrid 1
Rayo Vallecano 2 - Deportivo 0
Deportivo 2 (Makaay e César) - Real Sociedad 0
Celta 2 - Deportivo 1 (Turu Flores)
Deportivo 2 (Makaay e Djalminha) - Zaragoza 2
Real Racing Club 0 - Deportivo 0
Deportivo 2 (Donato e Makaay) - Espanyol 0