RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Anquela opina que ao Dépor "faltoulle unicamente clarividencia nos metros finais"

Juan Antonio Anquela cualificou na sala de prensa de ABANCA-RIAZOR a derrota ante o Albacete Balompié como "un pau gordo. Na segunda parte xeramos ocasións e estivemos aí. Merecemos bastante máis do que foi o resultado".

O técnico deportivista recalca que "durante moitas fases do partido fomos mellores que o rival. É evidente que nos faltou concretar en balóns fáciles e en opcións de gol claras. O equipo ha ir a máis, creou as oportunidades que se lle piden. O que faltou foi metelas. Nada máis".

Nesta liña, a pesar de que recoñece certa precipitación, "hoxe non debiamos perder nunca, a razón do que o equipo fixo no campo".

Anquela sostén que "este equipo ten moita marxe de mellora. E niso imos seguir traballando como sempre o fixemos. Os resultados non nos están acompañando e o fútbol móvese por resultados. Temos claro que hoxe non gañamos pero o equipo na segunda parte gustoume bastante. Faltounos unicamente clarividencia nos metros finais. Nada máis".

Segundo o adestrador branquiazul, toca "pensar no que estamos a fallar. Hoxe non sei cantas veces tirou a porta o rival e perdemos 1-0. Xeramos as ocasións suficientes e xogo para como mínimo empatar este partido".

Pola súa banda, Luis Miguel Ramis, adestrador do Albacete, sostén que "hoxe conseguimos plasmar un pouco máis o que viñamos perseguindo estas semanas. Os resultados condicionan moito as interpretacións. O equipo durante a semana debuxábame outras sensacións, e tiña que aparecer".

Márchase de ABANCA-RIAZOR contento nun partido "onde pasaron cousas: a expulsión, a lesión de Keko trastórnache, o Dépor empuxa moito. Manexamos bastante ben as dúas metades".