RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Antonio Couceiro avoga pola estabilidade institucional e pide tranquilidade ao Deportivismo após garantir a continuidade do Dépor

O presidente do Real Club Deportivo, Antonio Couceiro, compareceu por primeira vez ante os medios de comunicación após o seu nomeamento como presidente da institución o pasado 8 de febreiro para trasladar, sobre todo, unha mensaxe de tranquilidade ao Deportivismo: “pase o que pase, pode ter a tranquilidade e a total garantía de que o proxecto vai ter a continuidade garantida, aínda que a situación deportiva é a peor da historia e a situación económica é terriblemente delicada. Afortunadamente contamos con todo o respaldo do hoxe máximo accionista do Deportivo”.

Unha afirmación asegurada por un “traballo intenso de preparación do que será un gran plan de futuro que temos encima da mesa e que analizamos en profundidade. Estamos a facer as nosas achegas e estou convencido de que teremos un Deportivo solvente, estable e forte de cara aos próximos anos. O plan vainos a permitir a construción duns cimentos sólidos para o Deportivo, un futuro cimentado ademais sobre un modelo de Club baseado na canteira. Este é un proxecto realista pero ambicioso que está ademais ao nivel e á altura do potencial do noso Club”.

Ademais, quixo deixar outra mensaxe directa “ao Deportivismo, a esta afección exemplar do Dépor que nunca lle deu as costas ao longo da historia do club. Témoslle que dicir que ha de recuperar a tranquilidade e que debemos xerar un clima de estabilidade institucional imprescindible para desenvolver o proxecto que comentamos. O futuro do Deportivo, tanto a nivel de competición como económico e social está garantido. O noso gran reto é lograr que o Dépor sexa viable e o sexa no medio e longo prazo. Para conseguir un Deportivo sustentable deportiva, económica e socialmente é imprescindible a unión de accionistas, socios, empresas e institucións que conforman o universo Deportivista para, co esforzo o compromiso e o traballo de todos, conseguir o mellor futuro para o Club.” Tamén quixo lembrar que “isto non vai ser algo inmediato. Temos que traballar para mellorar o noso fútbol ano tras ano para que cando cheguemos fagámolo desde un nivel competitivo que permita a permanencia na división de honra. Isto será un proceso que requirirá paciencia pois sen dúbida pasarán momentos difíciles que haberá que superar antes de alcanzar o gran obxectivo de competir con éxito na Primeira División do fútbol español”.

Recoñeceu que “hoxe ascender a Segunda División antóllase case un milagre, debemos loitar duramente por manter a categoría e como mínimo tentar estar nesa Primeira División RFEF, na categoría semi-profesional que equivalería á actual segunda B, por tanto ímonolo a xogar absolutamente todo no próximos tres partidos” polo que o futuro inmediato só ten un foco: “nestes momentos o único que nos ten que preocupar é a situación deportiva e apoiar todos como un só Deportivista ao equipo técnico e aos xogadores para conseguir todos os puntos posibles para apurar até o final as opcións de ascenso e tentando conseguir a mellor posición deportiva para reiniciar a construción do futuro. Hai que centrarse no aspecto deportivo, hai que ir a por os nove puntos que restan e non pensar que aí se acaba a competición. A temporada vai continuar e os puntos de cada partido conformarán a nosa posición final polo que é necesario lembrarlles aos nosos xogadores que contan co noso total para que o que suceda no terreo de xogo permita alcanzar o mellor escenario posible”.

“A partir de aí comezaremos un traballo serio e profesional orientado a sentar as bases dun proxecto sustentable a longo prazo que, apostando decididamente pola canteira, acabe levando ao Deportivo á división que se merece pola súa historia e pola exemplar afección que o sustenta”. Un traballo que xa arrincou no mesmo momento do nomeamento o pasado día 8: “o equipo que formamos o novo Consello traballamos intensamente até o día de hoxe para coñecer en profundidade todas as áreas de xestión, entrevistámonos con multitude de responsables directivos, coñecemos a súa opinión sobre a situación, as súas preocupacións, a súa visión de futuro e habemos tamén analizado e profundado en multitude de documentos e informes dos que dispón o Deportivo que nos permiten coñecer en profundidade a situación e empezar a albiscar as decisións que haberá que tomar a medio e longo prazo”.

Un Consello que evolucionou en canto ás súas funcións “o feito de cualificarse de Consello profesional significa que o Deportivo evolucionou cara ao modelo habitual nas empresas de Consello non executivo, é dicir, tanto o presidente como os conselleiros non temos dedicación exclusiva e tomaremos as decisións de forma colexiada. Ademais, non vai haber responsabilidades por áreas no Consello, moi habitual nos clubs de fútbol, pois existen os profesionais que levan o día a día. O Consello traballará de forma colexiada, establecendo os grandes marcos de xestión e apoiará no día a día aos directivos, que son os que tomarán as decisións. A responsabilidade executiva descansará nun primeiro executivo, actualmente o noso conselleiro e director xeral, David Villasuso e a partir de aí hai unha estrutura profesional que é a que atende no día a día as decisións que han de tomarse no Dépor”.

Após sinalar estas liñas básicas de actuación do Consello e os grandes desafíos desta etapa Inicial, Antonio Couceiro respondeu, durante máis dunha hora, a todas as preguntas realizadas polos xornalistas que seguen a actualidade do Dépor.