RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Borges, autocrítico: "Hai algo que faltou, ou algo que falta para inclusive pechar agora a permanencia"

Celso Borges foi o protagonista esta mañá na sala de prensa de Abegondo. Confesou sentir "frustración de ver partidos onde o equipo fai as cousas ben e non consegue o que quere. Pero a situación de nós na táboa é o que reflicte como foi a liga. Non podemos vivir nunha especie de engano en pensar que todo está ben porque hai algo que faltou, ou algo que falta para inclusive pechar agora a permanencia".

Por conseguinte, cre necesario "facer unha análise cando acabe a temporada. Despois de que acabe a liga, sobre todo unha análise moi persoal de como foi a temporada, que se fixo ben e que se fixo mal. É máis que todo unha interiorización sobre un mesmo".

Apunta que "o vestiario ten que estar preparado para calquera situación" de aquí a final de liga. "A mellor maneira de evitar probabilidades doutros resultados ou o que sexa é gañando o noso partido. Soa así de sinxelo pero non o é. Vai ser un partido difícil, que se logramos estar concentraditos, podémolo sacar ben", engade.

O internacional costarriqueño, preguntado sobre a maneira de conseguir matematicamente a permanencia (o Dépor estaría salvado se o Sporting non gaña a Las Palmas mañá sábado ás 13:00 horas), advirte que "o que me gusta é a sensación de gañar un partido, xa por unha cuestión de orgullo colectivo. Gustaríame que fose así desa maneira. Oxalá que todo salga ben este ano e que todos esteamos tranquilos. Xa por unha cuestión deportiva, merecémolo e a xente que nos apoia tamén, e as nosas familias, que sofren máis que todos nós".

Respecto das críticas dos afeccionados deportivistas, "son libres de expresar calquera opinión que teñan sobre o seu Club. O noso deber é responder e ser profesionais no campo".

A partir disto, non cre Celso Borges que "haxa unha falta nin de ambición, nin de ganas por adestrar, nin de ganas por facer as cousas ben. Négome a pensar na idea de que alguén sae ao partido sen ganas e sen querer gañar. Iso xa está implícito na nosa ética como futbolistas. Pero enténdoo, cando non se conseguen os resultados, pois se buscan diferentes razóns polas cales non se deron. Aprender a convivir con elas e saber escoitar".

Este domingo 7 de maio ante o Espanyol (18:30, Bein Sports), o mediocentro deportivista eloxia ao rival: "Tivo unha boa dinámica este ano. É un moi bo equipo. Nós no que podamos facernos fortes na nosa idea pois moitísimo mellor. Somos un equipo que en casa este ano tivemos moitas opcións de gañar os partidos, algunhas veces déronse así, outras veces non. Pero é onde estamos ben, onde sentímonos cómodos. Esperemos que salga todo ben".

Asegura que aínda que o conxunto catalán non se xogue xa nada no partido, "son xente moi profesional. A pesar de todo, aínda que colectivamente non se xoguen nada, sempre esta cuestión do fútbol é súper competitiva. O espírito de competencia é o que mantén a liga activa".