RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Borja Valle: "Chegamos moi enteiros, coas ideas moi claras e sendo un equipo competitivo"

Borja Valle asegurou esta mañá en Abegondo que o Dépor chega ao debut ligueiro de mañá domingo 18 de agosto en ABANCA-RIAZOR (18:00 horas) ante o Real Oviedo con "sensacións moi boas. Habemos ir en progresión. Os primeiros partidos foron partidos nos que a xente tivo que axustarse, houbo fichaxes, cambio de adestrador, cambio de sistema... moitos cambios propios dunha pretemporada. E melloramos, como é normal".

O atacante deportivista subliña nesta liña que "chegamos moi enteiros, coas ideas moi claras e sendo un equipo competitivo".

Do mesmo xeito que Anquela ou algún que outro compañeiro, advirte que o Trofeo Teresa Herrera "non ten nada que ver coa liga. Agora te estás xogando o pan. Véñenche a morrer ao teu campo e tes que facer o mesmo. Loitamos por un mesmo obxectivo. O Real Oviedo é un equipo moi grande, cunha afección terrible, cun proxecto bonito e moi ilusionante. Contra iso tamén tes que competir".

A nivel persoal, vese esta temporada "en banda. É certo que cando houbo lesionados participei arriba. Todos me coñecedes e sabedes que non teño ningún problema en xogar máis centrado. Non me quero situar nun sitio pero se ten unha idea é esa".

Confesa que este verán para el foi diferente, xa asentado no cadro: "É a miña cuarta pretemporada. É totalmente diferente; moi feliz; moi a gusto; moi ilusionado; vivindo momentos moi duros, moi malos, e momentos moi bos. Xamais pensei estar onde estou, na situación que estou. Só podo dar as grazas por estar a vivir o que estou a vivir".

Da temporada pasada, Borja Valle, despois de "enterrar todo o que sucedeu", queda coas cousas positivas. "O primeiro que nos serviu de experiencia o mes de marzo é non marcarse obxectivos a prazo longo. Debemos ir semana a semana, pensando en cada rival, esquecernos do obxectivo que queda tan lonxe e que hai que pasar por tanto que nos pode comer. Debemos de pensar en ser os mellores cada semana e o día que se achegue o obxectivo como o ano pasado, pensar niso. Non volverse tolo nin obsesionarse. O ano pasado sufrimos moito un mes ou mes e medio por ter a cabeza en xuño", apunta.

Sobre Anquela, explica que "che esixe moito traballo, compromiso, intensidade, un equipo difícil, correúdo, complicado, que ao que veña non lle guste xogar contra o Deportivo. O compromiso, a intensidade, a presión ten que ir por diante".

Con pasado oviedista, "por máis tempo que pase considéroo a miña casa. Pasei dous anos marabillosos alí. Conseguín algo en grao sumo bonito que se pode conseguir no fútbol. Gocei o fútbol e fun moi feliz alí. Deséxolles o mellor ao Oviedo a partir do domingo. É un Club con moita historia. Seguro que van vir a morrer porque coñezo moi ben ese escudo", conclúe.