RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Bóveda: "O equipo demostrou que é moi bo. Teño toda a fe do mundo que imos volver a demostralo"

Eneko Bóveda, un dos capitáns do Dépor, pasouse esta mañá pola sala de prensa de Abegondo.

O lateral deportivista quixo lanzar unha mensaxe de que "non nos volvamos tolos, que somos ambiciosos, que somos críticos e que sabemos que non xogamos uns bos partidos ultimamente. O equipo é moi bo, o equipo demostrou que é moi bo. Teño toda a fe do mundo que imos volver a demostrar que somos moi bos e que imos cumprir os nosos obxectivos".

Pide facer valoracións "para o final de temporada. Ao final estamos a ver que se saio aquí hai 4 semanas ou 5 e pídesme unha nota para ese momento da temporada dígoche unha. E en poucas semanas esa nota baixa. Sabendo que isto pode variar tanto por exemplo as 2 próximas semanas, gustaríame que todas as valoracións, conclusións e demais, deixásemolas para final de temporada".

Do Albacete, rival en ABANCA-RIAZOR este domingo 20 de xaneiro (18:00 horas, Movistar Partidazo), sostén Bóveda que "seguramente algún equipo que agora mesmo non entre nas nosas quinielas acabará arriba, pero é verdade que se un ve ao Albacete, a traxectoria que ten, mesmo ve o seu cadro, esperas que vaian estar arriba até final de temporada".

Preguntado polos resultados dos últimos partidos, con varios partidos sen ver porta, o futbolista vasco lembra que "case todos os equipos do mundo, a non ser que teñan unha superioridade extraordinaria, pasan por fases nas que lle saen mellor as cousas, sáenlles peor as cousas. Polo que me di a experiencia do que máis dependes é do estado de forma, e non me refiro a máis gordos ou máis fracos, se non ese momento que estás máis brillante, con máis xogo cada xogador. Un equipo que sae ao campo non deixa de ser a suma de 11 xogadores. E cando moitos están nun momento moi bo, o equipo tamén está nun momento moi bo. E cando moitos están nun momento de atasco, de que non nos saen as cousas tan ben, de que estás máis espeso, o equipo reséntese".

Ve pois normal que "durante a temporada os xogadores teñan altos e baixos, vales e montañas. Igual que veu esta xeira peor, vai chegar unha moito mellor. Mentres que se sigan facendo as cousas ben no día a día, eu non vexo motivos para alarmarse".

Para superar estes momentos, Bóveda cre "moito no adestramento diario. Ao final nós estámonos avaliando nós mesmos tamén continuamente. Se ti fas 10 centros o luns e sáenche 8 ben. E fas outros 10 centros o martes e sáenche 9 ben, chegas ao partido con mellores sensacións que se eses mesmos centros están a saírche mal todos os días. Póñoche un exemplo como poden ser remates, goles, despexes... o que sexa. Creo moito en prestarlle atención ao día a día; en, cando un non está tan ben, saber que non o está; ser realistas e pensar que os xogadores teñen nivel. Estivemos mellor do que estamos agora e porqué non imos volver a estalo por exemplo dentro de 3 días".

Por este motivo, opina que o choque ante o Albacete é "especialmente importante tanto polo momento, no que todos temos esa rabia por cortar un pouco esa negatividade que se xera cos malos resultados; e polo rival que é. Se estamos a dicir que o Albacete é un rival directo, o resto dos puntos que sumes ti quítasllos ademais a eles, e viceversa".