RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Bóveda opina que "con este cadro pódese subir" e mostra o seu "total convencemento a que imos ser capaces"

Eneko Bóveda lembrou esta mañá na sala de prensa de Abegondo que a pesar de concluír mañá o 2020 "estamos en números de partidos dun terzo de liga. Facer balances pode ser un pouco precipitado. Estamos nun camiño de construír algo mellor do que estamos a ser capaces de facer. Con certa urxencia é verdade pero tamén coa mente fría de darnos ese tempo de mellora e de ir axustando para os momentos cruciais para nós. E sen perder nada polo camiño".

Está de acordo con Álex Bergantiños, quen o pasado luns afirmaba que o partido de Copa de SM El Rey en ABANCA-RIAZOR ante o Deportivo Alavés (mércores 6 de xaneiro, 19:00 horas) "vainos vir ben porque vai ser o único partido en todo o ano que non teñamos o papel de favoritos": "Asumimos que psicoloxicamente é difícil fuxir na nosa liga desa sensación de que tes moito que perder e pouco que gañar. Aínda que ao final trátese só de tres puntos e os teus rivais sexan como ti. Todo o que nos rodea, incluso os esquemas mentais que ten un, van nesa dirección. E non é a sensación onde máis se goza, sinceramente", apunta nesta liña o defensor vasco.

Iso si, engade que "se temos o cartel de favoritos, por algo será. Este partido do Alavés é totalmente oposto. Non hai outra formulación que non sexa o de que o Alavés é claro favorito, que nós non temos nada que perder. Queremos gañar pero é unha formulación máis cómoda".

Preguntado polo mercado de inverno que se vai a abrir nos próximos días, ten claro que "con este cadro pódese subir. É máis, con este cadro que temos somos claros favoritos para ascender. Con sinceridade e co agarimo que lle teño ao grupo e ao equipo, teño o total convencemento de que imos ser capaces de facelo".

Insiste en que ten "toda a fe do mundo neste cadro. Cando xogamos mal é normal que un en quente pense que un xogador non está preparado, non dá a talla. Pero é un cadro de nivel suficiente e ímolo a demostrar".

Eneko Bóveda, que xa sabe o que é subir a Segunda División coa SD Eibar, asegura que "asumimos a esixencia que non é outra que ascender. Pero non se ascende en decembro. Talvez non demos á xente o que se esperaba que désemos pero o camiño é máis longo que o que é un partido. Estamos dentro duns parámetros que nos dan vía a disputar o noso gran obxectivo".

Solicita para iso no vestiario branquiazul "non facernos dano entre nós mesmos, remar todos na mesma dirección, ter paciencia e saber realmente o camiño que a un lle leva ao éxito".